Antifranquismo, espionaxe...

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

JOSE MANUEL CASAL

Manuel Gago escribe unha novela de ritmo cinematográfico, que explora desde a ficción sucesos do noso pasado recente, un libro que serve para gozar da lectura e tamén para entendernos a nós mesmos

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Demorei moitos días a lectura desta última e voluminosa novela de Manuel Gago, talvez para gorentar aos poucos o que entendo como un proxecto narrativo cobizoso e, ao mesmo tempo, coherente e concibido como unha aposta consciente por ofrecer un traballo que exhibe un rexistro de trazo rápido e fluído, documentado con solvencia e que explora, desde a ficción, motivos que latexan no noso pasado recente.

Con todo, son diversas as teselas que compoñen esta coidada proposta en que a alternancia espacial que a estrutura -de Londres a Vigo, de Ponteceso ao Xistral, da Coruña a Laxe entre outros lugares- resulta debedora, talvez, dunha inspiración cinematográfica que lle outorga indiscutible vivacidade. O mosaico que se obtén é o espello dun exercicio que mira cara a atrás e rescata, como motivo literario, o mundo da resistencia armada contra o franquismo que se agocha, e que aquí cobra visibilidade, ao longo dos primeiros anos da década dos corenta. Velaí, precisamente, as actividades dese exército de fume, cos seus propios conflitos e vicisitudes particulares; velaí o universo dunha parte do movemento guerrilleiro galego abordado con plasticidade, á marxe das sempre lícitas fronteiras que separan a ficción, a realidade e a lenda.

A carón deste vector, tan cheo de matices, a novela incorpora un asunto de extraordinario interese, que comeza a abordarse noutras propostas de ficción recentes, como resulta a presenza dos nazis en Galicia e o seu asentamento, baixo a permisividade do réxime, en diversos lugares das nosas costas. Mais non só se atesouran aquí estes dous focos de interese, pois a novela manexa aínda outros elementos que van confluíndo entre si con habilidade, como o que se deriva do universo da espionaxe e da contraespionaxe en Galicia levado a cabo por dúas das potencias en guerra como foron Inglaterra e Alemaña, protagonizado por personaxes de carne e óso, cheos de contradicións, que ás veces se moven por instintos, que por veces son arrastrados a seren protagonistas de fazañas incribles por un afán de xustiza que nos fai pensar igualmente en heroes e heroínas, que talvez o foron sen que nunca se lles recoñecese: de mestras a canteiros ou de mariñeiros a labregos ata a presenza dun pintor chamado Lugrís, operativo para que o argumento anoe con solvencia algúns dos seus fíos e para simbolizar outro tipo de resistencias.

Nun mundo onde o manto do esquecemento aínda oculta tantos acontecementos, se cadra O exército de fume constitúe unha das novelas máis precisas, e de satisfactoria lectura, para entendernos a nós mesmos.