«Os inimigos dos músicos son os que se queixan do ruído»

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

cedida

Un grupo que demostra que hai vida intelixente máis alá dos ritmos de moda

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:40 h.

Reconforta e estimula o que está a acontecer con Os Amigos dos Músicos. Que un primeiro disco cunha proposta que dende a modernidade e a serena elegancia, mesturando harmonías pop, ecos de raíz americana e canción popular galega, estea a recoller tantos parabéns dentro é fora de Galicia -entre eles o premio Martín Códax deste ano- é unha desas cousas que te reconcilia coa escena musical. E mesmo a algúns devólvenos a crenza de que aínda non está todo perdido, de que hai vida intelixente máis alá do chispún e do tres por catro.

-¿Sodes un grupo de pop ou de música popular?

-Ven sendo o mesmo, ¿non? Un ven doutro. A nós gústannos ambos.

-Música perfecta para unha romería de tarde no verán. ¿Están dacordo?

-Pois si. Ao solpor era cando saían os gaiteiros a tocar no campo nas festas populares. E iso está no noso imaxinario colectivo. De feito os festivais están aproveitando cada vez máis iso.

-Surfing, Atlantic, Ribeira Sacra, V de Valarés, Vive Nigrán, da Luz... ¿Por que vos chaman de tantos festivais cando podería semellar que a vosa música non é moi festivaleira?

-Non o sabemos e a verdade é que nos sorprendeu a chamada de algún pero estamos moi contentos. Pode que non sexamos un grupo que pon á xente a bailar como tola pero creo que si que temos unha capacidade de comunicación moi interesante co público.

-¿O seguinte paso será xa dar o salto aos festivais estatais?

-Xa o intentamos este ano. Pero é complicado porque ao final somos un grupo que só ten un disco e aínda non somos moi coñecidos. Pero si, a intención é sacar o grupo polo resto do Estado e, por suposto, Portugal.

-¿O de vivir da música é un obxectivo, un soño ou unha quimera?

-Non o pensamos demasiado porque estamos moi lonxe diso. Todos temos traballos á parte da música. O obxectivo non é vivir da música senón facer boas cancións e convertelas en bos discos. Non sei cal é a variable que fai que pases a un estadio profesional pero creo que o público ten moito que ver. E se o público medra pois haberá que ver entón se aguantamos o tirón.

-Cantades en galego pero dicides que sen afán de reivindicación. ¿É un canto entón á normalización?

-É que a lingua non fai falta que a reivindique, reivindícase soa. O que fai falta é usala. Por sorte hoxe en Galicia hai moitos grupos de todos os estilos cantando en galego. O idioma non é patrimonio do tradicional. Entre outras cousas porque tampouco creo moito que o tradicional non sexa moderno. Para min o de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre é o disco máis moderno que se ten feito en Galicia nos últimos anos.

-Xa sabemos quen son Os Amigos dos Músicos, pero ¿quen son os inimigos dos músicos?

-Todos aqueles que se queixan do ruído. Con todos os grupos que tiven sempre veu alguén botarnos a bronca ou chamou á policía. Os músicos teñen que tocar e teñen que ensaiar así que, home, das dez da mañá ás dez da noite que non se queixen tanto dos decibelios.

-Nunha ocasión vostede fixo de entrevistador e preguntoulle a un grupo que se tiñan pensado un bis e a xente non lles pedía outra, se sairían igual. Devólvolle a pregunta.

-(Rise) Non, non sairíamos. Xa nos pasou e non hai moito. Tamén é verdade que o concerto empezou tardísimo. Tiñamos un par de cancións para un bis, non se pediu e non se fixo. Creo que é o que ten sentido. Se non o pediron é porque non querían máis. O público manda.