Xosé Iglesias pesca a mellor poesía

Ramón Nicolás

FUGAS

CESAR QUIAN

Apúntase na contracuberta deste libro que todos os mariñeiros son poetas

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

Apúntase na contracuberta deste libro que todos os mariñeiros son poetas, malia que os máis deles non o saiban. O fisterrán Xosé Iglesias pertence a unha estirpe mariñeira á que homenaxea; ao tempo é poeta e aquí volve confirmalo. Boa mostra do que digo xa a dera en Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014) e testemúñao, con creces, con este libro que foi galardoado no certame de poesía Victoriano Taibo.

A relixión do mar articúlase como un tratado, conmovedor, sobre a vida do mar e sobre a vida no mar, mesmo se se quere sobre o mar na vida, abrazado con convición e fe: «Creo no mar / útero azul / patria dos ronseis». Iglesias mergúllase no mesmo universo polo que navegaran López Abente, Avilés de Taramancos, Manuel Antonio, Bernardino Graña, Alexandre Nerium ou Miro Villar, e faino con voz propia para trazar un pentagrama cunha melodía de buguinas. Dálle forma, así, a unha cartografía senlleira, honesta e meritoria, que percorre derrotas, paisaxes íntimas e colectivas, da man de quen as percorre e vive día a día.

Velaquí outras follas dun diario de abordo; un caderno de bitácora que, pola súa forza e dinámica, se vai convertendo nunha pequena enciclopedia sobre saberes e unha lección de vivencias, peneiradas por esa ollada particular e sensitiva gobernada por imaxes antolóxicas como a que idea a colisión dun «casco contra o crepúsculo» mentres o «vento esvara nas amuras». Asomarse a estas páxinas supón, adoptando ás veces certa perspectiva épica, asistir á construción dunha embarcación nunha carpintaría de ribeira, reparar nas artes de pesca e nos aparellos, reconstruír un imaxinario de nós no que batemos co Mar de Dentro e do de Fóra, coas xerfas, argazos, almeiros, arneiróns, cardumes, salseiros e ardentías.

A relixión do mar, libro calafateado con primor, é un chimán: ese exemplar enorme, ese Mocha Dick perseguido sempre por baleeiros, mais felizmente vivo e transformado en papel e versos para aprendernos a ollar de maneira distinta o mar. Ás veces un mayday polo que se perde, en ocasións un canto á esperanza e ao propio amor ao mar. Nel flamexan de seu as velas, digo as páxinas, digo os poemas. Imprescindible.