Unha conspiración alucinóxena

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:25 h.

Para internarse no universo de Ciudad revientacráneos, premio Wonderland 2016, cómpre abandonar a idea de que se pode comprender, na súa totalidade, a delirante trama que nos propón Jeremy Robert Johnson, un dos escritores máis recoñecidos da última bizarro fiction norteamericana. Quizais sexa ese o mellor xeito de enfrontarse a unha novela cuxa ampla colección de extravagancias debe dixerirse coa debida complicidade do lector, que se ve obrigado a desculpar certos excesos narrativos mentres se deixa arrastrar polo vendaval alucinado dunha historia tan desconcertante como suxestiva, abondosa en páxinas ante as que se fai preciso coller folgos para continuar a lectura sen extenuarse. Ciudad revientacráneos, traducida ao castelán por Hugo Camacho, alporizará a quen procure unha congruencia argumental clásica (salta polos aires dende que sabemos que o protagonista é adicto a unha substancia psicoactiva), e entusiasmará a quen se deixe persuadir por unha aventura insólita que nos concede varios niveis de lectura (entre eles, unha manifesta intención anticapitalista). Un empregado bancario enganchado á hexadrina idea un plan para dinamitar o sistema financeiro dende dentro, pero o asunto complícase cando comezan a perseguilo uns sicarios e entran en acción unha recua de estraños seres afeccionados a comer nos miolos da xente. O máis sorprendente é que este punto de partida devén nunha fermosa historia de amor que nos pon moi sensibles.

AUTOR

JEREMY R. JOHNSON

EDITORIAL

ORCINY PRESS

340 PÁXINAS

16,95 EUROS