O premio Repsol: un libro que dá voz a quen a tivo e a perdeu

Ramón Nicolás

FUGAS

cedida

O  sertão brasileiro inspirou extraordinarias novelas, Daniel Asorey estréase como novelista con moi boa fortuna, con este «Nordeste»: novela galardoada no premio Repsol de Narrativa Breve na súa última convocatoria

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:50 h.

O sertão brasileiro inspirou extraordinarias novelas como Os Sertões de Euclides da Cunha, A bagaçeira do noso João Guimarães Rosa, Capitães da Areia do baiano Jorge Amado, ou  Vidas Secas e Cangaços de Graciliano Ramos, por só citar algunhas e, agora, Daniel Asorey (Santiago, 1970) estréase como novelista -non como narrador, pois xa dera a coñecer algúns froitos en diversos libros de autoría colectiva- con moi boa fortuna, ao meu ver, con este Nordeste: novela galardoada no premio Repsol de Narrativa Breve na súa última convocatoria. Nela trae para o presente este espazo extraordinario, asentándoo tanto a través dunha documentada e filtrada base histórica -a persecución e morte dos chamados cangaçeiros por volta de 1938- como no emprego dun recurso ficcional cifrado nunha ucronía que nos sitúa nun contexto mediante o que Galicia resistiu ao longo do tempo modelándose como un ente político e territorial independente, que estendeu o seu poder expansivo cara ao nordeste do Brasil. É aquí cando agroman os perfís de diversas mulleres afoutas -as auténticas protagonistas deste libro, sen esquecer ese monllo de reflexións que se encerra sobre o valor das ideas, a subalternidade, o colonialismo, a liberdade, a escravitude ou a opresión- como Carme de Candingas, unha Vedora Maior da chamada República das Santas Irmandades de Galiza, suturada nunha conseguida prolepse coas vidas cruzadas de María Bonita, unha cangaçeira cunha existencia marcada pola crueldade, e Matilda, unha fotógrafa e xornalista que, fiel a si mesma e ás súas ideas, vai verse involucrada na memoria do que supuxo o movemento dos cangaçeiros e a súa represión nos tempos do Estado Novo encabezado por Getúlio Vargas.

Pode semellar certamente complexa a urdime desta novela, e talvez o sexa, mais Asorey condúcenos estas reviravoltas que viaxan no espazo e no tempo con habilidade e exquisitez exhibindo, ademais, un rexistro literario realmente envexable. Revélanse aquí códigos antigos, agroman vivencias e ideas que se proxectan na actualidade e dáselle voz a quen a tivo e a perdeu. Non é pouca cousa.

 

 

AUTOR

 MIGUEL ASOREY

EDITORIAL

GALAXIA

154 PÁXINAS

14 EUROS