«Hoxe protestaríamos nas redes sociais e tan contentos»

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

Foi un daqueles que pasou polo cárcere por opoñerse a realizar a mili. Agora converte a súa experiencia nun traballo de teatro-documento sobre o movemento de insubmisión

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:30 h.

Pasaron 23 anos dende aquelas noites na cadea. Pero as sensacións non se esquecen. Como non se esquece o que a teimuda dignidade dos insubmisos, contra todo pronóstico, conqueriu. De todo iso vai Goldi libre.

-Por que revisitar agora aquel episodio?

-Porque sempre está ben reconstruír experiencias colectivas da xente do común. Grazas á construción deses relatos constrúese a memoria.

-É este traballo estritamente un «biopic»?

-Somos estrictos e honestos co que se di no subtítulo: «Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González».

-Por que esa alusión directa?

-Primeiro para situarnos rapidamente no contexto histórico. E tamén por esa categoría de personaxe case mitolóxico que hoxe en día ostenta Felipe González. En calquera caso, a partir dese, o meu relato persoal, pódese crear un retrato do movemento insubmiso e da Compostela daqueles anos.

-Que foi o máis duro entón?

-Houbo unha dobre fractura. A social, de verte de repente en medio do lumpen, e a persoal. Pensas que fago aquí? Por que estou no cárcere? Incluso tes dúbidas de se estás a facer o correcto ou o parvo. E gustounos que esas contradicións tamén estivesen no espectáculo.

-Persoa e personaxe conflúen nesta ocasión?

-É difícil contestar. Porque na obra non son eu o que conta o que me pasou. Cóntao un personaxe ao que chamamos Goldi, que é a persoa na que se transformou César despois de pasar polo cárcere. E non foi fácil meterse no pelexo de Goldi. Porque non era eu senón o que eu fun... É un pouco estrano pero á vez moi divertido.

-Unha sociedade desmilitarizada segue sendo unha utopía?

-Claro, pero ao tempo o feito de que sexa utópico é o que lle dá sentido. O movemento insubmiso estaba cheo de inocencia e á vez de cordura.

-Na sociedade de hoxe sería imposible ou impensable algo así?

-Pois seguramente. Hoxe protestariamos nas redes sociais e tan contentos. Se se volvese a impoñer a mili en España non teño claro que pasaría.