Marilar empuña o lapis e entra na RAG

FOTO: XOÁN A. SOLER

FUGAS

SANDRA ALONSO

13 ene 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

Se alguén que escribía poesía morría afirmábase que non se enterraba, antes ben «enversábase» e, cando alguén lía os seus poemas, «desenversábase», isto é, cobraba vida de novo. Tamén hai algo felizmente novo no proceso de «desescribir» ao que alude Marilar Aleixandre desde o título deste libro de poemas.

Desescribindo -é significativo o emprego do xerundio que apunta a un traballo sempre en proceso- non apela ao antónimo de escribir; ao contrario talvez apunte ao feito de volver escribir tras escribir e, por extensión, reformular as dimensións do escrito desde outra perspectiva, desde as marxes, se cadra desde as fronteiras para revelar novas paisaxes.

Sen dúbida «desescribir» é reescribir tamén, iluminar a escrita cun foco diferente que sistematice un proceso de reflexión onde se nos conduza a cuestionar e subverter o porqué das cousas e demostrar, con efectividade, a validez do pensamento crítico en todas as ordes da vida, tamén na poesía.

Marilar Aleixandre, así pois, fertiliza o territorio poético empuñando un lapis nun caderno fantasticamente editado por Apiario. Nel «desescribe», xa se dixo, e faino inicialmente «desde as marxes da folla» para gabear polas paredes dos abismos e situarse nese espazo concreto que posibilita escaravellar no celme dos prexuízos, desvelar o que se considera tóxico e cales son as dimensións da resiliencia, afondar tamén no ámbito máis íntimo e persoal para reivindicar un canto á «ledicia da rebelión».

Pasa logo pola denominada «lembranza de Babel», onde a alegoría da confusión e dos conflitos magmatiza historias -algunhas delas débedas que cumpría saldar- e conclúe con «de quen a voz»: un complemento onde se percorren os sucos da vida con tributos e homenaxes á memoria, individual ou colectiva, de persoas, vivencias e espazos concretos. Unha flor de abruñeiro para Marilar Aleixandre por este libro desasosegante e reividicativo. Outra por converterse mañá en académica da Real Academia Galega: un orgullo para moitas persoas que a admiramos.