Que gran comezo para o ano Carlos Casares

RAMÓN NICOLÁs

FUGAS

RAMON LOUREIRO

Antón Riveiro Coello publica «A ferida do vento», onde o tributo a Carlos Casares está implícito desde o título

06 ene 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Un irmán de Celso Emilio Ferreiro, polos anos cincuenta, recolleu nun documento mecanografado algúns dos alcumes máis célebres da vila de Celanova, cunha breve explicación de cada un onde se recollían as súas singularidades; anos despois, en parte, veríanse recollidos e recreados na obra A taberna do galo (1978). Acudiron a min aquelas liñas durante a lectura desta novela, realmente deliciosa, titulada A ferida do vento, onde o tributo que nela se realiza a Carlos Casares esta implícito desde o título, alén da materialización do autor d´Os escuros soños de Clío nun personaxe máis da novela ou de certos paralelismos temáticos cun conto célebre como é A rapaza do circo mais, sobre todo, na diáfana homenaxe a través da escrita no estilo fluído e coidado, na brillantez da dicción narrativa, nas doses de ironía e de humor que salfiren toda a proposta. Afirmou Riveiro que lle debía a Casares esta novela e sospeito que o resultado final habería de ser moi do gusto do segundo pois, fóra do recoñecemento arriba aludido, a alquimia que se produce entre memoria -persoal e colectiva-, crónica e ficción deita uns resultados esplendorosos. O pouso memorialístico salienta desde o momento en que a instancia autorial se ispe e transmite vivencias e experiencias, dialoga dalgún xeito co universo recreado nun libro anterior do autor titulado Casas baratas (2005) como se advirte na presenza do espazo territorial de Xinzo de Limia, onde os seres memorables que «teñen vento na cabeza» estacionan vehículos imaxinarios ou «beliscan o aire» mais tamén nos conduce pola educación sentimental dun adolescente da man de Gabriela e do que na formación persoal significou o tempo vivido e aquela moza: pasaxes transmitidas, por certo, cunha transparencia extraordinaria. Riveiro, aquel neno de «imaxinación hiperbólica», fascinado pola música e que sempre sentiu o pracer furioso das palabras, deu en habitar aquí «a memoria coas palabras»: ao escribir perseguiu sombras alleas e reconstruíu, como el di, ruínas. O resultado é óptimo e absolutamente recomendable, mesmo inmellorable para comezar este «ano Carlos Casares».