«Cada día son máis punki»

FUGAS

Santi M. Amil

Ses recomenda o libro «O segundo sexo», o disco «Cuba si, yanquis no» e a película «El odio»

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:40 h.

Xoga á contra e deféndese que nin diola nese terreo. De corazón indómito e alma punkdereteira a súa música transita dos Andes a Tijuana, de Muros a New Orleans. Pero é nas súas letras onde explicita un acio de cargas de profundidade envoltas por veces no celofán da poesía. Por iso propúxenlle armar unha conversa partindo únicamente de frases extraídas das cancións do seu recén editado cuarto disco, Opoñerse á extinción. Ela, incontible, aceptou.

-¿Non sucumbes ao desalento?

-Non, nunca. Loito dende a desesperanza, porque son lúcida, pero sen plantexarme a deserción.

-¿Podes chegar a entender aos que claudican?

-Entender si, xustificar non. Comprendo que o sistema lévate a iso pero tamén me levaba a min e saín daí. Non me gusta a xente que por preguiza ou covardía se deita a ver a vida pasar.

-Nada hai máis deshonroso que asentir, dis.

-É que iso leva consigo unha aceptación sen reflexión nin cuestionamiento, algo que odio porque me parece que é o que nos está levando a onde estamos.

-O temerario non é catar. ¿É cantar?

-Home, se me preguntas se me irían mellor as cousas se non falara do que falo eu diríache que a nivel económico si. Pero se asumes non gustar a determinada xente, non hai problema. O problema tenno aqueles que pensan que lle gustan a todo mundo. ¡Qué pena me dan!

-¿Cústache aferrarte á idea de que a palabra é o misil pertinente?

-Si, a veces costa de carallo. É que nos están machacando. Pero eu creo na palabra. Moitísimo. ¿E sabes por qué? Porque eu son froito da palabra. O que a min me cambiou foi a literatura que lin e a música que escoitei.

-Hai outra forma de operar compatible coa cultura, ¿cal é?

-A honesta, a valente, a xusta, na que teñas algo que perder... É máis incómoda a curto prazo pero é a que nos podería traer unha sociedade máis feliz. E, como di unha milonga arxentina, todos traemos ao nacer a obriga de ser bos.

-¿Pesa máis o vivido ou o por vivir?

-Na medida en que teño desgraciadamente asimilado que vai ser o mesmo, pesa todo. O vivido sería máis liviano se tivese unha mínima esperanza de que o me queda por vivir vai traer algunha novidade positiva. Non é o caso.

-¿Aínda eres capaz de debuxar un sorriso fronte á malicia?

-Si, odio á xente maliciosa pero cada vez lles sorrío máis. Cada día son máis punki. Costoume traballo pero a día de hoxe os miserables non me afectan.

-A rosa do teu romance resiste porque a raíz se nutría da terra que a enxendrou. ¿Como andan de saúde as raíces na nosa terra?

-Mal, moi mal, teñen metástase. Só un milagre nos pode salvar. Hai moita covardía no mundo das artes. Hai moita xente vivindo da cultura galega que non a defende. Cobra dela pero non tira contra os seus inimigos.

-¿Como facer, entón, para que a ilusión teña cabida no presente?

-Obrigándonos cada un de nós a ser revolucionariamente alegres. Eu que son unha tía tan idealista, iso que agora soa tan ridículo, se me rouban a ilusión, mátanme. Non podemos sucumbir ao cinismo. Temos que crer que existe o poder da palabra e da idea e que cousas máis difíciles do que hoxe estamos reclamando conseguíronse. O que hai é que loitar día a día para que iso ocorra.