«Non me sinto identificado coa etiqueta de folk galego»

FUGAS

CÉSAR TOIMIL

Corría o 1996 cando un rapazolo loiro con pinta de non ter roto un fol na súa vida publicaba un disco que resultou seminal.

02 dic 2016 . Actualizado a las 05:20 h.

Corría o 1996 cando un rapazolo loiro con pinta de non ter roto un fol na súa vida publicaba un disco que resultou seminal no desenvolvemento posterior da música de raíz galega. Paralaia deixaba entrever as claves fundamentais dun proxecto que hoxe trascende ao folklore. Se cadra por iso, 20 anos despois, Budiño reedita aquel disco sen apenas liftins musicais aínda que si con importantes achegas estéticas, as da ilustradora Ana Zon.

-Como foi o reencontrarse con este primeiro disco?

-Foi curioso. Primeiro deille unha escoita relaxada porque había a opción de regravar algún tema ou de facer mesturas novas. Pero decidín non cambiar nin unha nota. Eses temas foron concibidos así e non me pareceu oportuno reinventalos.

-Coa perspectiva destes 20 anos, que supuxo «Paralaia» para ti?

-Ocupar un espazo que estaba baleiro e recoller o testemuño de moitas xeracións de músicos que quixeron ser profesionais deste instrumento e non o puideron ser.

-Que queda hoxe daquel Budiño de «Paralaia»?

-Queda a enerxía e a ilusión por compoñer, por facer sempre cousas novas.

-E que cambiou no folk galego dende entón?

-[Garda silencio] É complicado descrifalo porque eu non me sinto identificado coa etiqueta de folk galego. De feito escoito máis outros tipos de música que o propio folk.

-Reformulo a pregunta. Cal foi o cambio máis relevante que nestes 20 anos viviches na música, sen etiquetas xeográficas nin estilísticas?

-A irrupción de Internet e as redes sociais. Para un músico con determinada vocación internacional coma eu o feito de que a miles de quilómetros calquera teña acceso a toda a túa música e a túa traxectoria supuxo un punto de inflexión.

-No 2011 dicías que “os rapaces que agora teñen 14 anos farán o relevo xeracional do folk galego”. Cres de verdade que se está dando ese relevo?

-Agora mesmo non me cinguiría só ao folk. Hai unha eclosión brutal na música galega en moi diferentes estilos musicais. E na música tradicional tamén. Hai unha xeración de rapaces que están a traballar como nunca.

-Publicas un disco cada tres anos. O último era do 2013. Con esta reedición de “Paralaia” cobres o cupo ou haberá traballo novo no 2017?

-Non. No 2017 basicamente vou traballar con esta nova banda -con Isaac Palacín, Sérgio Tannus, Cibrán Seixo, Fran Sanz e Antonio Rodríguez- coa que vou dar o concerto de Pontevedra. Celebraremos o 20 aniversario facendo moitos temas de Paralaia pero en directo, con outra visión máis actual.

-Nunha entrevista que che fixeron cando publicaches “Paralaia” dicías: “Temos gaita para moitos séculos”. Séguelo mantendo?

-(Ri) Si, sen dúbida. Mentres haxa músicos que sigan tendo esa visión de non ter ningún tipo de prexuízo con respecto ao instrumento.

Para esta reedición decidín non cambiar nin unha nota

SÁBADO 3, 21.30. PONTEVEDRA.

PAZO DA CULTURA. ENTRADAS 15,20 EUROS.