Con Prada, nos Peares

Luís G. Tosar
Luis G. Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

04 nov 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

O 31 de agosto de 1892, Perfecto Prada compareceu perante o xuíz da Peroxa para inscribir, xunto coa súa esposa, Felisa Chamochín a un fillo nado tres días antes no domicilio dos Peares. Puñéronlle Rodolfo. Agora, case 125 anos despois, os amigos José Manuel Feijóo e Francisco González lévanme ó sitio onde estaba, daquela, a pousada dos Prada-Chamochín. Imaxinamos, no sitio, o que sería entón esta paraxe fermosa, onde conflúen as augas do Búbal, do Sil e do Miño, onde arrinca a Ribeira Sacra. O ferrocarril chegara alí oito anos antes de nacer Rodolfo, despois de ergueren o viaduto ue aínda campa por baixo da ponte da nacional. Non, non había encoro, pero o trafego de xentes e mercancías animara a varias familias, entre iles os Prada-Chamochín, a aveciñárense na ribadeira. Unha noite plantou lume na pousada que rexentaban Perfecto e Felisa. Ante a imposiblidade de rearxiren, o matrimonio e os fillos decidiron emigrar á Arxentina. Establecéronse en Mendoza, a mil quilómetros de Buenos Aires. Xa na capital, Rodolfo Prada afíliase ás Irmandades da Fala e funda a Asociación Protectora da Academia Galega (1919). Activo partícipe da galeguidade, é secretario da Casa de Galicia, director da revista Acción Gallega, creador do Ateneo de Cultura Galega (1920), copropietario do Correo de Galicia (1924), impulsor da ORGA (1932) que preside do 36 ó 37, batallador do PG no Centro Gallego, director de El Orensano e de Opinión Gallega? Coa chegada de Castelao, en 1940, Prada pasa a ser o motor do grupo que acolle e blinda ó Guieiro; Irmandade Galega. Desenvólvese no Consello de Galiza, en Galeuzca, n’A Nosa Terra, nas relacións cos galeguistas do interior, no ámbito da cultura?Será o grande amigo de Castelao, o seu home de confianza. Xerente dos Laboratorios Dr. Andreu, percorre a América, nos 50 e nos 60, sementando o ideal dunha Galicia democrática e autónoma. Moi atento ás mobilizacións contra o Estatuto da aldraxe, morre, en Buenos Aires, o 3 de novembro de 1980. Esquecido, acá e alá, as súas cinzas, xunto coas da súa dona, Manuela Fraga, permanecen no Panteón do Centro Gallego, na Chacarita. A primeira lembranza deste galego exemplar tivo lugar onte nos Peares, 36 cabodano do seu pasamento. Honrámolo por ourensanía e patriotismo.