«É unha gran axuda cando o público sabe facer o seu traballo»

Angel Palmou

FUGAS

José Manuel Casal

Oito primeiras espadas do teatro galego e o traballo de Candido Pazó avalan a obra coproducida polo festival carballés que se poderá ver hoxe e mañá en primicia na capital bergantiñá

14 oct 2016 . Actualizado a las 05:25 h.

O autor, actor e director Cándido Pazó tende pontes entre Irlanda e Galicia na súa adaptación da obra de Martin McDonagh O Tolleito de Inishmaan, montaxe que xunta no escenario a Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luís Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans.

-¿Supón moita responsabilidade atreverse cunha montaxe desta envergadura?

-En termos empresarias supón a responsabilidade de ter un número grande de traballadores aos que hai que pagarlle. Iso fai que as funcións teñan un caché maior e como normalmente as institucións públicas, que son as que adoitan contratar, tardan en pagar a empresa debe adiantar cantidades e iso pode facer que a economía nalgúns momentos se tambalee. É un risco que quixemos asumir, pero quixémolo asumir con garantías. E as garantías foron buscar á mellor xente. Hai moita outra xente moi boa, pero estes son os apropiados e os que queríamos para este espectáculo.

-¿Como axudaron as similitudes entre o texto orixinal e Galicia á hora de adaptalo?

-A obra é próxima en argumentos, en tratamento de personaxes, en situacións, pero en canto á construción lingüística non deixa de ser un inglés peculiar e hai que ter moito coidado coas traducións. Non se trata só de facer que o que alí está se entenda aquí; senón de facer que o que alí está se sinta aquí e sexa fluído. Por iso moitas veces hai que deconstruír O material e reexpresalo para que sexa fresco, dúctil, directo... Para que non pase como coas versións dobradas que vemos na tele, que están ben, pero que son un pouco asépticas. E non chega con que eu faga ese traballo, senón que é preciso que os actores sexan galegofalantes e galegovivintes, que teñan unha lingua fresca, viva e potente.

-¿Como se afrontan as xornadas previas a unha estrea?

-Estamos agora perfeccionando e retocando cousas, pero cando fixemos o pase previo da semana pasada na Illa da Arousa o público presenciou un espectáculo listo para ser presentado. Non digo que nos sobre o tempo, pero organizándose, facendo unha boa programación e con sete horas de ensaio diario, dá tempo nun mes e medio. Dá tempo para acertar, pero non para enganarse; e moitas veces as grandes obras nacen tamén de poder enganarse, de buscar, de perderse e reencontrarse.

-¿Estrear en Carballo é como xogar na casa?

-Si porque a maior parte do equipo está relacionada con este lugar ou coa bisbarra, porque eu son Xograr de Outono... Pero máis importante que todo iso é o feito de que é un lugar onde hai hábito, onde o espectador está construído e é crítico, e iso non o hai en tantos lugares. Carballo é un sitio exemplar de como se creou un hábito, de que hai uns espectadores que son teatrais e iso é unha gran axuda porque ti tes que facer o teu traballo pero xa sabes que o público sabe facer o seu. Atopar un público maduro, que vai desfrutar, pero que vai ser crítico é unha gran axuda para unha compañía.