«Sermos coherentes co social e co humano é o que lle falta ao mundo»

Antonio Mosquera / M.C.

FUGAS

Guadi Galego acompañará á artista mexicana Julieta Venegas nun concerto dentro do ciclo Latitudes, que se celebra co gallo do Ano da Misericordia en Compostela e traerá ata setembro a Xoel López, Anne Etchegoyen, Michael Nyman e Leiva. A cantante de Cedeira pasa por un cambio de etapa. A piques de rematar a xira de «Lúas de outubro e agosto», vén de gravar o seu último traballo. Malia que mantén o suspense sobre o seu nome, podemos ir coñecendo algunha pincelada

12 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Guadalupe era pequena e os seus irmáns chamaban por ela, dicían «Guadi, Guadi!». Se a este alcume lle engadimos o apelido da nai obtemos unha das voces máis recoñecidas da música galega e en galego. Guadi Galego actuará o vindeiro sábado 20 no Pazo de Congresos de Compostela xunto á mexicana Julieta Venegas, dúas artistas que teñen moi presentes as súas raíces. Unha coa gaita ao lombo e a outra co acordeón.

-Non sodes o prototipo de cantante pop.

-As dúas somos cantantes que non esquecemos as nosas propias raíces, ese pode ser o noso punto de unión. Aínda que tamén poida que teñamos unha idade similar.

-As dúas sodes mulleres moi carismáticas. Isto pode supoñer unha explosión no escenario...

-Eu só agardo que a xente se divirta. Ela é unha muller cun tirón impresionante, cunha traxectoria musical moi potente e así o acredita o público desde hai moitos anos. Faime especial ilusión tocar neste concerto e chegar a un público menos habitual e que se poida sentir identificado. A pesar de que cantamos en linguas diferentes e vimos de países distintos temos cousas en común.

-Que imos poder ver de Guadi Galego no concerto?

-Basicamente un resumo da xira de Lúas de Outubro e Agosto, que xa está chegando á súa fin.

-Por que momento pasa a túa carreira?

-Por un momento moi especial. Xusto o pasado martes saíu cara á fábrica o que será o meu vindeiro disco. É unha aposta algo particular cun son un pelín máis pop, un pelín máis arriscado que o de Lúas.

-Confésoche que eu te coñecín nun concerto de Berrogüetto nas festas da vila. Agora levan a Discoteca Móbil. Que está pasando?

-[Risas] Pois non teño nin idea. Eu realmente creo que estamos pasando por unha diversificación do ocio. Antes o ocio adoitaba estar máis ligado á cultura, e agora non tanto. Tampouco sei se é unha cuestión de mercado, de falta de medios, de falta de cartos... A música está un pouco devaluada, non a nivel artístico, senón a nivel de espectáculo. De todas formas hai centros e vilas que resisten e seguen apostando por festas máis diversas.

-As túas cancións non deixan a ninguén indiferente por mor das mensaxes. Que che pasa polo corpo cando compós?

-Eu son moi de esencias. Basicamente escribo ou compoño en función do sentimento que teño nese momento, e despois vexo se vale ou non. Así como Lúas era un canto á muller e á liberdade, o novo disco probablemente sexa un pelín máis arriscado a ese nivel. Trata dunha reflexión sobre as incoherencias e o difícil que é ser coherente e consecuente co social e co humano. É o que lle falta ao mundo, esa consecuencia co que dicimos e non somos capaces de levar adiante.

-Abofé que este é un mundo incoherente...

-Si. Non é fácil ser coherente. Vivir na coherencia absoluta é imposible. Moitas veces intentamos que o mundo sexa mellor, pero non depende de nós. De nós en pequeniño. De nós individualmente. É un esforzo colectivo demasiado grande e que depende dos grandes. Nós só intentamos que o mundo non se pare.

-Como está a música en galego?

-Parto da base de que non estamos nun país normalizado, pero si creo que hai partes da música en galego que se valoran. Por sorte a música tradicional non se entende se non é en galego. Creo que está pasando por un momento de repunte. Hai bastantes proxectos interesantes e a un gran nivel. Falta normalización non na música, en tódolos ámbitos da vida. Creo que tamén é unha cuestión de ir entrando, de ir facendo aos poucos e ir normalizando. Que cantar en galego e achegármonos a sons máis pop sexa algo natural.

-Agora estamos no verán e ti andas con ensaios, pero digo eu que terás algún momento de desconexión...

-[Risas] De desconexión laboral dígoche que de momento aínda non o conseguín. Pero eu fago o típico do verán. Gozar un chisco do bo tempo, algún paseo, algunha cervexa nunha terraza e un pouco de tempo para ler algún libro que non puiden ler durante o inverno.

SANTIAGO. Pazo de Congresos. Sábado 20. 21.30 horas. 14 euros