Cando Guitiriz ofrece saúde con música

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios FESTIVAL DE PARDIÑAS

FUGAS

A iniciativa xurdiu en 1980 para divulgar o folk galego sen pecharse a músicas doutros países, e ten acollido actuacións de grupos e solistas de ampla sona, cun programa que se completa coa mostra de instrumentos e de artesanía para achegar unha grande oferta nunha paisaxe que non deixa indiferente

05 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o lecer no verán era un costume só permitido ás xentes de certo nivel socioeconómico, tomar as augas supoñía unha das actividades habituais nesta época do ano, e Guitiriz, cun hotel balneario construído na primeira metade do século pasado para ofrecer tratamentos coas augas mineiromedicinais da fonte de San Xoán, case podía pasar por ser o Carlsbasd galego. Foron cambiando os tempos e as maneiras, pero o termalismo, adaptado ás circunstancias actuais, semella ter atopado un público fiel.

Fidelidade haina tamén, neste mesmo concello da Terra Chá, entre os que ano tras ano, dende 1980, se achegan a outro balneario, o de Pardiñas para unha estadía dunha fin de semana na que a terapia comeza polo oído aínda que logo se estende a outros sentidos. Na ampla finca na que se toman as augas en plena natureza celébrase un festival que achega música aos asistentes, pero que tamén supón un contacto coa cultura galega.

O cartel deste ano comeza xa hoxe, cun certame de cantos de taberna que se desenvolve por bares de Guitiriz. Para mañá e pasado quedan as actuacións: o sábado, Bloquinho de Xermolos, Banda Crebinsky, Anxo Lorenzo Band, Rarefolk e Liviao de Marrao; o domingo, Fanfarria Taquikardia (xa pola mañá, a xeito de sesión vermú), Duende Circo, Alvariza, Mini e Mero (que darán un pregón musical), Xabier Díaz & Adufeiras de salitre, Fullset e outra vez Fanfarria Taquikardia.

O programa do festival, organizado dende o comezo pola Asociación Cultural Xermolos, inclúe tamén, como é habitual, mostra de instrumentos e de artesanía. Non é trivial citar esas partes do programa, pois Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, salienta, por exemplo, que a mostra de instrumentos «é o corazón do festival» polo que permite de contacto entre profesionais, moitas veces chegados de lonxe para relacionarse con xente do seu mesmo eido.

Poder de convocatoria

Pero sería un grave erro non poñer de relevo que o festival é unha gran festa, sobre todo, como afirma Blanco, «para a xente moza». Dende 1980, ano no que botou andar como un encontro baseado no folk galego «pero con diálogo con outras culturas», en Pardiñas teñen soado moitas músicas: as de Milladoiro, Amancio Prada, Fuxan os Ventos, Matto Congrio, Kepa Junquera ou Susana Seivane, por exemplo. Para os que soben ao escenario hai palabras de gratitude: «Danse conta da nosa humildade; somos unha asociación cultural. Son xenerosos», comenta Blanco. Entrementres, os milleiros de persoas que ano tras ano lle dan sentido ao festival, vivido ademais polos guitiricenses como algo propio, teñen o privilexio de poderen sentirse en harmonía coa natureza case ao lado da N-VI e da A-6. Esa experiencia tamén a sentiron poetas como Xosé María Díaz Castro ou Manuel María, que adoitaban acudir á cita.

A xente, pois, goza da música e da paisaxe durante dous días nos que o festival vén funcionando como unha terapia que dá acougo ao corpo e ao espírito. Rematada a festa, os efectos durarán os vindeiros meses ata que no seguinte verán se siga de novo este peculiar tratamento.

GUITIRIZ. Balneario de Pardiñas. Sábado 5 (noite) e domingo 6 (mañá, tarde e noite). Entrada de balde. Mostra de Instrumentos e Artesanía