Memoria de María Casares

Ramón Nicolás

FUGAS

A investigadora María Lopo culmina un completo e brillante ensaio biográfico sobre María Casares, coa ollada posta en Galicia: ese lugar onde a actriz aprendeu a aceptar o mundo

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Soler Serrano, no ano 1981, realizoulle unha entrevista a María Casares. Nela afirmou que o tempo que ela aprendera en Galicia era o que contaba e o que duraba, isto é, o que definiu como o tempo das mareas. En efecto, este tempo marcado pola aprendizaxe e as descubertas, apreixado na infancia e convertido logo nun fardel de exiliado, vai estar sempre presente ao longo dunha vida que se esmiuza con elegancia da man de María Lopo, investigadora que xa abordara nunha espléndida edición a correspondencia epistolar entre María Casares e seu pai, Santiago Casares Quiroga, e que consegue agora ofrecer un dos libros máis competentes neste xénero entre os publicados nos últimos meses que, ademais, incorpora un corpus fotográfico e documental de enorme interese.

María Lopo
María Lopo

Guerra, exilio, memoria, republicanismo, dignidade, Francia e Galicia son algunhas das palabras que máis se reiteran neste ensaio onde se nos guía por estancias luminosas onde apalpamos as raíces familiares coruñesas, atravesamos o universo que se encerra entre a rúa Panadeiras e Bastiagueiro, detémonos nos anos da adolescencia madrileña e debruzámonos nun capítulo esencial -«Lugares do mito»- onde se anosa aínda máis a figura biografada para afondar con precisión nas claves dunha inequívoca e permanente ollada galega que preludia os pasos que deu no exilio definitivo francés.

Un proceso de esculca demorado e moitas horas de investigación deitan aquí verdadeiros achados. Entre eles non podo evitar referirme tanto ao rescate dunhas cartas extraordinarias e emotivas que Virxinia Pereira, viúva de Castelao, lle remitiu a María Casares desde Buenos Aires como aos ecos de María Casares na obra de Albert Camus.

«A María Casares cabíalle Galicia toda enteira nunha vogal aberta» afirma a autora deste ensaio: abofé que agora se sabe ben.

O tempo das mareas. María Casares e Galicia. Ensaio-Biografía. María Lopo. Consello da Cultura Galega. 217 páxinas. 14,25 euros