Memoria e ollada feminina

X.M.R. |

FUGAS

Compañías de España, Lituania, Arxentina, Chile e Francia chegan ao certame ourensán, que a partir de mañá aborda a súa 32.ª edición cunha aposta clara pola temática, a participación do sector e a defensa da escena galega

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) chega á edición do 2016 cunhas liñas perfectamente definidas e a aposta clara pola temática -as olladas femininas, a memoria, a violencia, a palabra e a arte son os eixes programáticos-, a súa condición de punto de encontro dos profesionais do sector, o protagonismo dos espectadores -aos foros engádense este ano os obradoiros- e a reivindicación da escena galega dende o punto de vista lexislativo. Cunha importante presenza de compañías galegas e do resto do Estado, pola MIT pasarán, entre 16 e o 24 de xullo, grupos de Lituania, Francia, Arxentina e Chile. Os franceses de Yifan estarán con Gritando sen facer moito ruído na Alameda da vila os días 17 e 18, e a compañía de Rubén Sabadini traerá Trópico del Plata ao castelo o día 18. Precisamente os arxentinos Sabadini e Laura Nevole serán os encargados de impartir un curso-obradoiro entre o día 18 e o 20. Este mesmo día chegará a montaxe chilena Historia de amor e o 23 virá unha das apostas da organización para este ano: A gaivota, de Chéjov, asinada polo Oskaras Korsunovas Theatre (OKT) e o Teatro Municipal de Vilna, Lituania (ás 23 horas no auditorio do castelo).

«Voaxa e Carmín»

A presenza da escena galega correrá a cargo das compañías Títeres Alakrán, Matarile Teatro, Limiar, Ibuprofeno e Chévere. No caso de Matarile, a MIT dálle protagonismo á celebración dos seus trinta anos de actividade coa representación os días 21, 22 e 24 das montaxes Antes de la metralla, Teatro invisible e El cuello de la jirafa, respectivamente. Outra cita senlleira será a estrea de Voaxa e Carmín, a obra de Esther Carrodeguas que gañou o último Premio Abrente de Textos Teatrais, centrada nas irmáns coñecidas popularmente como As Marías, de Compostela, e protagonizada por dúas actrices que terán un papel destacado na MIT: Mabel Rivera e Belén Constenla. A organización acordou concederlles o Premio Roberto Vidal Bolaño, que recoñece «o mérito nas artes escénicas».

Foros e Obradoiros do Espectador

O equipo director do certame promoveu un programa de foros no que os directores, actores, espectadores e cidadáns que desexen participar intercambien experiencias, debatan e manteñan encontros. Unha iniciativa cuxos obxectivos pasan polo «aumento da competencia estética, o empoderamento da sociedade en relación co discurso crítico sobre a arte e a busca e consolidación de espectadores/as». Algúns dos foros programados levan por título Historias de amor e violencia, A muller como axente social e humanitario, Don Juan sen límites ou A memoria como espazo de xustiza, entre outros. A estes últimos contidos está acaroada a proposta que se poderá ver mañá na primeira das sesións do auditorio do castelo: La piedra oscura, de Lazona e o Centro Dramático Nacional, chega por vez primeira a Galicia e está inspirada na vida de Rafael Rodríguez Rapún, o estudante, secretario de La Barraca e compañeiro de García Lorca nos últimos anos das súas vidas. Unha peza sobre «a memoria como espazo de xustiza e tamén sobre a necesidade de redención». A posta en marcha dos Obradoiros do Espectador correrá a cargo do dramaturgo Roi Vidal e o crítico teatral Manuel Xestoso, e celebraranse logo dos espectáculos Madre Coraje e A gaivota.

Unha lei para o sector

Entre as actividades paralelas figuran iniciativas como o coloquio sobre as artes da rúa na actualidade, moderado por Xandra Táboas, e a presentación do texto para o anteproxecto da Lei de Artes Escénicas de Galicia. Toda a información está en www.mitribadavia.com.