De gala

FUGAS

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous meses celebrouse a Gala do Libro Galego. Un evento singular que fai xustiza a tantos anos de ímprobos esforzos de editores, libreiros e asociacións de autores para visibilizar a literatura de Nós. Antes, país de minifundios, os escritores entregaban os seus premios e os editores e libreiros os seus. Uníronse, para darlle maior realce ao libro galego, e agromou esta idea magnífica. Só teño palabras de afecto e loa para esta iniciativa. De éxito, sen dúbida. E que, sen dúbida tamén, acadará maior recoñecemento público a medida que pasen os anos. Porén, permítanme facer, a modo de interrogante, un apuntamento á Gala: ¿prémianse os valores literarios das obras, en exclusiva, ou pretendemos otro tipo de galardóns que vaian máis alá do ámbito estrictamente literario? Pregunto, sen máis. Digo se estes premios queren potenciar a estética e calidade artística ou constituírse unicamente en elemento sociolóxico e cultural de referencia, polo que o xurado utilizaría criterios alleos á obxectiva calidade literaria e barallaría outros elementos (culturais, sociais, políticos, etc.). Afirmo tal porque no apartado de narrativa, un dos sobresalientes da gala, non gañou a mellor novela editada en galego o pasado curso. Coñecendo a pericia literaria dos membros do xurado quero supoñer, e supoño, que entrarían en liza os aditamentos citados enriba: cultura, política e outras variedades. Porque a mellor novela editada en galego en 2015 foi Os elefantes de Sokúrov de Antón Riveiro Coello. Non é unha opinión, senon unha certeza. A calidade literaria réxese por parámetros obxectivos, imparciais, empíricos. Pero se a Gala do libro utiliza outras normas e pautas, un sabe entendelo. Punto. Sigo.

Orfo agora de espazo só teño tempo para citar dúas novelas das lidas esta quincena. Dúas novelas que, en realidade, son mil pola súa altísima prevalencia literaria. A primeira, de Anxo Fariña, Horizonte de sucesos. É un libro escrito dende a carne ferida, o ferro do adentro, a vida perturbada das percepcións e dos sentimentos. Historias reais que parecen mentira, descarnadas, ferintes. Personaxes límite e, tamén, un fondo onírico que o dota de orixinalidade e vigor literario. Unha obra destacable. E outra novela que me deixou un sabor espléndido. Novela extraordinaria de goce sensual e contidos exquisitos. Cito o autor e título: Xosé Monteagudo, Todo canto fomos. A día de hoxe, a mellor novela de 2016. De Gala.