Apreixar o tempo

Ramón Nicolás

FUGAS

Retorna o escritor noiés radicado en Cork, transcorridos dez anos desde a publicación do seu último libro de poesía, cunha proposta poética reflexiva e intensa sobre o paso de tempo

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Veiga hai un fluír dun río de Cork chamado Lee que é un símbolo de inequívoca filiación clásica, que remite ao discorrer do tempo: un dos trazos que caracterizan a súa poética ata hoxe. Un tempo sometido, como é natural, aos cambios que se perciben como aqueloutros que se sospeitan e revelan como unha epifanía. E esa fluencia grávase, desde «o escuro lugar que habitamos», en luzadas que son xa imaxes fixas que exploran e reteñen emocións.

Con todo, hai mais neste Diario de Crosses Green: agroma nel unha paisaxe construída polos seres, polos obxectos e polas sombras que a habitan, mais tamén pola toponimia, polos elementos naturalistas que nutren tantos e tantos poemas, revestidos cun inequívoco ton elexíaco cando o territorio no que nos mergullamos é o do interior do poeta, cando nos fala de vivencias, experiencias e sentimentos. Ao tempo, na construción deste espazo reverbera con forza o diálogo explícito que mantén con voces da nosa tradición como Avilés de Taramancos, con quen comparte o autor un humus literario común, mais tamén con Novoneyra, Cunqueiro, María Mariño ou Manuel Antonio, que conversan inevitablemente con Pound, Hutchinson, Yeats, Seamus Heaney ou Hopkins. Cuns e outros constrúe Veiga unha ponte que é memoria particular e identitaria, unha ponte de sólidos piares cos que suxire novos camiños a transitar e a sumar aos xa existentes entre Galicia e Irlanda.

Un, que nunca foi a Cork, grazas a este diario «dos adentros» que se ancora con precisión nun período que vai dun de setembro a un outubro calquera, e sabendo que é un «testemuño do naufraxio» construído con brillantez, sente gratitude por ollar con claridade os relanzos do Lee e a fábrica de Beamish, por oír as campás de St Finbarr repicando, por sentir a presenza maxestosa das garzas, sempre as garzas.

Diario de Crosses Green. Poesía. Martín Veiga. Kalandraka. Colección Tambo. 112 páxinas. 12 euros