«Cantos de poeta» é un percorrido musical da man de 14 autores da lírica galega desde Rosalía ata Chus Pato, e é a ambiciosa proposta do primeiro traballo de Gelria, no que destacan un feixe de colaboradores no eido musical e literario
24 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O trío Gelria rodeouse de 13 músicos para gravar os 14 poemas que se converter en cancións en Cantos de poeta. Os músicos coruñeses Mario G. Cortizo e Federico Mosquera, xunto coa cantante barcelonesa Elena Tarrats, son os ideólogos dun proxecto no que contaron co respaldo de Xosé Lois Romero no musical e con poemas de Manuel Rivas para un libro-disco que destaca polo coidado deseño e pola gravación en directo nos estudios da Radio Galega, que non se cansan de gabar xunto co traballo de dirección de Pablo Barreiro. Mario G. Mosquera recoñece que pretendían dar a coñecer a riqueza da lírica galega cunha especie de antoloxía musical.
-Como xurde o proxecto?
-Federico e máis eu somos amigos desde pequenos, eu vivo en Barcelona e el en Holanda, onde tamén estiven e foi alí onde comezamos a facer este proxecto e por iso ten o nome Gelria, que foi un barco no que estivo embarcado Manuel Antonio.
-Como primeiro traballo a proposta é moi ambiciosa e estraña: composicións propias con letras de poetas e moitos estilos de música.
-Nós vémolo como un proxecto de creación 100 %, con moitos actores, unha creación colectiva. Todas as cancións son de creación. Polo noso traballo facemos todo tipo de músicas e gústanos que estean reflectidas todas.
-Como foi a escolla dos poemas?
-Empezamos a facela nós, pero coa recomendación de María Rosario Souto, filóloga e tradutora, que nos foi axudando na selección para que quedase compensado. Ao final Cantos de poeta é un percorrido non só cronolóxico dende o Rexurdimento ata hoxe, senón unha viaxe por toda Galicia.
-Por que a aposta polo directo?
-Fixémolo por honestidade, disfrute e principios. Nunha gravación ao uso por pistas pódese mentir moitísimo e manipular todo. No directo, ao equivocarse un equivócanse todos, pero ten unha organicidade e viveza que non ten unha por pistas.
-Por que un proxecto tan grande como carta de presentación?
-Quixemos ir a por todas, quixemos apostar pola singularidade, por facer un proxecto único. Un cede carece de interese hoxe por hoxe porque todo o mundo ten redes nas que podes escoltar música, e vender un disco como tal non ten moito interese. A nós encántanos os libros e quixemos darlle un contido extra. Ademais, con todos os colaboradores, agás Romero, no musical, e Rivas, na parte literaria, quixemos apostar polos valores novos de Galicia.
-Gelria vai ter continuidade?
-Somos músicos profesionais e este nivel trabállase por proxectos. Nós queremos facer percorrido como Gelria, aínda que veremos que tipo de traballo, se discográfico, literario, da literatura galega ou da xaponesa? non temos ningunha fronteira nese sentido.