Na Feira do Libro de Bos Aires, dedicada, na presente edición, á cidade de Santiago de Compostela, nunha parte non desdeñable dos libros e dos actos galegos estiveron moi presentes páxinas e voces moi comprometidas coa II República española. O día 27 de abril presentouse ante un público ávido o novo selo de Galaxia, Mar maior, dorna editorial que se propón facer entender, fóra das fronteiras galegófonas, títulos esenciais das nosas Letras ou que, dalgún xeito, teñen que ver co universo cultural galego ou coa súa interpretación. Víctor F. Freixanes, o seu capitán, explicouno con precisión e paixón. Un dos títulos de Mar maior é un volume de decidido e aceso acento republicano: os cen artigos de Eduardo Blanco-Amor que Gregorio Ferreiro Fente e Emilia García López recuperaron, non sen dilatado esforzo hemerográfico, na colectánea que titulan En defensa e ilustración da II República española en los años de la Guerra Civil (1936-1939). Publicáronse, no trienio bélico, en Galicia, periódico da Federación de Sociedades Gallegas, do que Blanco-Amor era o director, o belixerante e brillante director.
De Mar maior é, tamén, un libriño meu titulado Letras argentinas, letras gallegas no que dedico un capítulo á gran rapsoda porteña Mony Hermelo, que engaiolou, recitando, na Compostela de 1932, a espíritos republicanos tan significativos como Luís Seoane, Ramón Suárez Picallo, Carlos Maside e García Lorca, co que coincidiu en Santiago.
Egrexia recitadora foi María Casares, a actriz que triunfou, en francés e en castelán, en moitos escenarios de Europa e América. Ramón Villares e mais eu presentamos na Federación, o 29 de abril, ante un auditorio moi escolleito, o libro de María Lopo María Casares e Galicia, que publicou o Consello da Cultura Galega hai pouco. A gran actriz, coruñesa e filla de Santiago Casares Quiroga, no exilio francés desde os catorce anos (como «residente privilexiada»), non perdeu o coñecemento do idioma galego, Sabíase que recitaba con moito xeito na lingua de Rosalía (sobre todo na de Curros Enríquez). Algúns dos presentes oímos por primeira vez poemas galegos na súa voz, concretamente Cántiga e Nouturnio, do inmenso poeta de Celanova, os que, en 1957, engaiolaron en Bos Aires a dona Virxinia Pereira de Castelao, a Luís Seoane e a Maruxa Boga, que tamén era unha excelente recitadora republicana.