«Son o que son por todo o que levo escoitado»

FUGAS

CARMELA QUEIJEIRO

«Deserto de centos» é o traballo co que Sonia Lebedynski reivindica o seu currículo musical e vital tras ser a voz durante unha década de Fía na Roca, formación extinta hai cinco anos polo interese por emprender outros proxectos

20 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Deserto de centos é unha viaxe iniciática cara un horizonte múltiple», así presenta Sonia Lebedynski (A Coruña, 1984) o seu primeiro traballo en solitario, que demorouse un lustro e no que amosa todas as influencias recibidas. Tras unha primeira presentación en Boiro, a súa segunda casa, agora lévao a Santiago. Feito baixo a dirección musical de Sérgio Tannus, co que xa colaborara, defenderao xunto con el nos escenarios cunha banda formada por Roberto Comesaña, Xosé Rubén Díaz, Carlos Freire, Manuel Paino, Jose Luis Miranda e Martiño Domínguez.

 -¿Como se xustifican cinco anos de espera?

-En Fía na Roca cando decidimos parar a nosa actividade a razón era porque varios de nós tiñamos en mente levar a cabo proxectos persoais e doutra índole e un deles era o meu disco en solitario, que realmente leva cocéndose cinco anos, pero dilatouse no tempo por diversas circunstancias non só musicais, senón persoais. Houbo que agardar ao momento máis idóneo e non foi un proceso continuado. Decidín retomalo no verán pasado e darlle o último pulo para rematalo. O camiño inicieino con Xosé Lois Romero, o primeiro cómplice do disco, co que tecín as dúas primeiras cancións hai cinco anos e despois foron achegándose novas cousas.

-Hai colaboracións de Uxía, Guadi Galego, Óscar Losada...

-Si, Quixera, por exemplo ten letra de Óscar Losada, que coñéceme dende os 13 anos, dende Vai-te embora!, o primeiro grupo co que comecei a cantar e onde estaba tamén Susana Seivane. Óscar dende hai bastante tempo vaime deixando no meu correo electrónico letras para facer algo e chegou o poema que el titulaba Para e de maneira natural pedíame musicalo. Outro día chegou un WhatsApp de Uxía que resultou ser un poema musicado de Manuel María. Con algúns a relación non é de compañeiros de profesión, senón de amizade, con Guadi e Uxía teño moita complicidade dende hai anos. Sempre fun a pequena e nos proxectos nos que colaboramos houbo un gran coidado comigo.

-Resulta estraño que como carta de presentación non opte por un estilo definido.

-O que tiña claro e que este disco quixera que fora unha retrospectiva de todas as sonoridades. Creo que non podemos renegar de todas as músicas que forman parte de nós. Este é un punto de partida cara un horizonte múltiple. O concepto é que fose unha retrospectiva, eu son o que son hoxe debido a todo o que levo escoitado. Dende o pop con 14 anos, a música clásica dos 18 ou o funkie dos 20 forman parte do meu adn sonoro. Todas elas fanme ser o que son. É certo que este disco non está encasillado en funkie ou folk puro, pero está preto do folk-pop con reminiscencias as músicas que levo escoitado e creo que ten un fío condutor e unha coherencia. Veño unha banda como Fía na Roca, que tamén tiña ese punto ecléctico.

-¿Que aborda?

-No disco hai moitos temas dos que quería falar, na miña libreta das ideas fun apuntando dende os amores incondicionais, dos que fala o tema que abre o disco, Cen miradas; tamén da miña condición de muller, coa que me sinto comprometida e caeu nas miñas mans un poemario de Luz Campello e quedei tan prendida, que conxugamos eses versos xunto con algunhas ideas e xurdiu Inventario do prohibido; tamén quería que quedara recollida a crítica social e que mellor maneira que coa letra de Óscar Losada e cos versos de Manuel María fóronse completando pouco a pouco todas esas arelas que tiña claro que tiñan que quedar recollidas no meu primeiro traballo.

-Ninguén renuncia a opción disco como carta de presentación.

-Houbo moitas propostas de como editalo, pero ao final non sei se foi a nostalxia, pero decateime polo cedé, acompañalo de dixital e dunha web curiosa e elegante. Os discos seguen tendo mercado nos directos, xa non tanto en tenda física e para o futuro haberá que buscar outras fórmulas, o vinilo a min chámame moito.