Ilustración

FUGAS

20 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o Día das Letras e agora só queda reclamar, como grito no deserto, que o arrecendo de literatura permaneza en Nós. Porque resulta frustrante, cada ano, limitar as homenaxes e festexos e libros laudatorios arredor da literatura galega nun espazo de tempo tan reducido. Cómpre estender o feitizo de maio e que as Letras estean presentes na vida cotiá, nas rúas e bares e prazas, durante os 365 días do ano. Oxalá. Nós, que non nos arredamos nunca da fascinación literaria, encontramos sempre boas razóns para perseverar no ronsel da ficción e non ficción galegas. Veño de ler unha novela tensa e intensa, dura, pero cargada tamén de esperanza. Falo de Camiños na auga de Manuel Núñez Singala. O protagonista un mozo, Szymo, a quen na súa terra chaman dili, adaptación local de deal, negocio: «Szymo é negocio porque é albino, e no sitio onde vive, os arredores do lago Victoria, no corazón de África, moita xente está convencida de que cos membros dos albinos pódense preparar beberaxes infalibles para atraer a boa fortuna». Desta realidade terrible parte o relato. A Szymo non lle queda máis remedio que fuxir. Comeza a percorrer quilómetros co fin de encontrar un territorio onde as diferenzas non resulten castigadas. É unha novela, creo, de aventuras e mesmo de aprendizaxe (no contexto clásico do termo), pero tamén didáctica e, como dixen no comezo, plena de esperanza. Estou seguro de que o profesorado ha saber utilizala non só polos seus intrínsecos valores estéticos senón, e sobre todo, pola lección de valores que estas páxinas de Núñez Singala almacenan. E lección tamén, pero de erudición e talento, o libro que nos ofrece Xerais baixo a coordinación de Isidro Dubert: Historia das historias de Galicia, un compendio de ensaios que pretenden salferir luz e luces sobre tópicos, lendas, mesmo verdades asentadas relativas á historia de Galicia: dos celtas á imaxe clixé do mundo rural galego, do concepto e realidade dos séculos escuros aos mártires de Carral. Un deses libros dos que un sae máis sabio e feliz. Ramón Villares, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra, Henrique Monteagudo ou Ofelia Rey Castelao, entre outros, asinan os textos. Un volume que sen dúbida ha permanecer e que debe ser coñecido e recoñecido pola nosa sociedade, tan atenta ao insubstancial e arisca con fitos editoriais como este que veño de gozar. Con libros semellantes Galicia acariñará, unha vez máis, o lugar de seu: a ilustración.