As Irmandades da Fala, cen anos despois

Ramón Nicolás

FUGAS

Que foron as Irmandades da Fala? Que persoas se incorporaron e que ideario defenderon? Constituíron realmente o segundo renacemento galego? Que pervive hoxe daquel espírito? Velaquí algunhas respostas

30 abr 2021 . Actualizado a las 21:40 h.

Justo Beramendi, no seu De provincia a nación (2007), recórdanos que as orixes das Irmandades remóntanse a un grupo nucleado arredor da revista madrileña Estudios Gallegos (1915-1916). Tamén xogará un papel importante a publicación do opúsculo Nacionalismo gallego (1916) de Antón Villar Ponte, quen desde as páxinas de La Voz de Galicia convoca para o 18 de maio de 1916 un encontro nos locais da Real Academia Galega. Ao chamado acoden vellos rexionalistas -Manuel Lugrís, Eugenio Carré, Tettamancty, Martínez Salazar, entre outros- mais tamén persoas como Ánxel Casal, Alejandro Barreiro Noya, Robustiano Faginas ou Wenceslao Fernández Florez.

Nesa xuntanza créase a primeira Hirmandade dos Amigos da Fala, o gromo inicial que en poucos meses terá continuidade coa fundación doutras Hirmandades homónimas en Compostela, Monforte, Pontevedra, Ourense e Vilalba, ás que seguirán outras por Galicia adiante coa vontade expresa de promocionar, en primeira instancia, a lingua e a cultura galegas. A evolución das Irmandades é complexa e non está exenta, como é natural, de tensións internas, ata que se produce a Asemblea de Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Nela xestiónase e dáse a coñecer o célebre Manifesto que vai converterse, dalgún xeito, no programa do nacionalismo galego ata que en 1931 se funde o Partido Galeguista. É este o momento no que se supera, en liñas xerais, o rexionalismo, tal e como se recolle na declaración: «Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós nomeámonos, de oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe 'rexionalismo' non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas».

O programa incorpora unha inequívoca vontade modernizadora de Galicia ao reclamar un poder político galego, unha organización federal ou confederal xunto con Portugal e o resto do Estado, o sufraxio universal con sistema proporcional, a igualdade de dereitos para a muller, a supresión das deputacións, a cooficialidade da lingua galega ou a galeguización das Administracións públicas. Velaquí o papel clave que as Irmandades desenvolveron no afortalamento dunha ideoloxía galeguista e de progreso desde un proxecto asociativo no que o traballo de repensar o propio país é un dos seus sinais de identidade. Á creación dun órgano informativo que cohesionase o movemento como foi A Nosa Terra súmaselle a relevancia que outorgaron ao ensino, coa creación das Escolas do Insiño Galego, ou ao teatro, coa fundación do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego.

Tamén no plano que atinxe á creación literaria acreditaron na posta en marcha de propostas renovadoras, entre as que salienta unha necesaria promoción da prosa en galego. O propio Villar Ponte convidaba no prólogo que dispuxo á novela O diputado por Veiramar de Gonzalo López Abente a crear unha editorial, por poñer un exemplo. A semente deu froito e en case unha década ven a luz máis de 50 novelas de extensión curta, cunha intención renovadora en canto á temática e sempre á procura de novos públicos para a literatura en galego. Nesta dinámica nace a colección ¡Terra a Nosa!, suplemento do xornal El Noroeste onde publicarían Risco, Uxío Carré ou Francisca Herrera Garrido; dánse a coñecer a editorial Céltiga, dirixida por Xaime Quintanilla, onde se publicaría Un ollo de vidro de Castelao, ou Alborada, fundada por Xoán Vidal, que acolleu obras de Cabanillas ou Amado Carballo, e igualmente Ediciós Lar, da man de Leandro Carré e Ánxel Casal, que porá en circulación máis de 40 títulos de autores que van de Otero Pedrayo a Cotarelo Valledor.

As Irmandades, resulta evidente, supuxeron unha aldrabada na conciencia dun país e dunhas xentes. É de xustiza evocalas e valorar o que do seu espírito pervive, o que aquel modelo aínda nos pode ensinar.

 
 
 

Catro obras fundamentais

Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional. Antón Villar Ponte. 2ª edición. La Voz de Galicia. 1916

Basicamente trátase dunha apoloxía da lingua galega co obxectivo de defendela e difundila, como chanzo previo ao necesario rexurdimento de Galicia en diversas ordes.

O diputado por Veiramar. Gonzalo López Abente. Bibrioteca Galeguista. 1919

Unha das novelas que se insiren no proceso de modernización da literatura galega promovida polas Irmandades. Conxuga unha visión crítica coa política de mans dadas do momento cunha historia de corte sentimental.

O Mariscal. Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte. Lar. 1926

Subtitulada Traxedia histórica en verso, con ilustracións de Álvaro Cebreiro, supón unha das obras dramáticas clave para entender o espírito das Irmandades, ao recuperar simbolicamente a figura do mariscal Pardo de Cela

Na noite estrelecida. Ramón Cabanillas. Lar. 1926

Unha das obras cumio da poesía das Irmandades. Con ilustracións de Castelao, reúne as diversas sagas dispersas ata o momento onde salienta o enfoque mítico e lendario do noso pasado