Noite Fechada, gardiáns uniformados da esencia gamberra do noso rocanrol

FUGAS

29 abr 2016 . Actualizado a las 19:39 h.

A súa extravagante vestimenta non é máis ca outro sinal de identidade do seu espírito gamberro. Pero o que está a acontecer con Noite Fechada -posiblemente o grupo pontevedrés que máis actuacións en directo fixo no 2015- trascende da saia rexional que locen no escenario.

O grupo naceu no 2013 a cabalo entre dúas vilas marcadas polo viño, Cambados e Barrantes. Daquela presentábanse, á estela da senda aberta por Recambios Tucho, como un grupo de versións de grandes clásicos do punk e do rock aos que tuneaban e galeguizaban as letras cunha pinga de ironía e outra de mala baba.

A proposta musical, aderezada por unha notable dose de descaro e desenfado en escena, funcionou. Pero o grupo tiña claro que carecía de longo percorrido, así que non tardaron en facerse, baixo os mesmos parámetros, cun repertorio de composicións propias, once das cales conforman o seu primeiro larga duración, Con-visión de festas. Un disco de variopintas influenzas no que prima a esencia do rocanrol con chiscadelas ao punk, ao reggae e mesmo unha irreverente panxoliña, coa que gañaron o certame Panxorock que organiza a Escola Audiovisual de Vigo. «Somos conscientes de que nos concertos gañamos, pero o resultado final do disco reflicte bastante ben o que é o noso son en directo», comenta Gustavo Rey, quen ademais de exercer de baixista da banda vén de gañar o premio ao mellor tirador de cañas de Galicia.

Noite Fechada preséntase hoxe en Compostela nunha sesión dobre que contará tamén coa presenza de MJ Pérez, quen tamén anda a darlle difusión ao segundo traballo discográfico, Guerrilleira.

SANTIAGO. Moon. Viernes 29. 22 horas. 5 euros