O cinéfilo fascinado

Miguel Anxo Fernández

FUGAS

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como adoita dicirse, comparto quinta con Claudio Rodríguez Fer, tamén paixóns cinéfilas, e mesmo experiencias comúns no activismo cineclubista dos anos 70. No seu caso, nos xa míticos Valle-Inclán e Frai Marcos da Portela de Lugo, mesmo confeccionando algúns dos seus folletos orientadores. Quen isto escribe outro tanto, pero no Carballiño. As cousas da vida sumáronme moi tarde á narrativa galega, mentres que el principiou mozo na poesía, para seguir logo polos vieiros do ensaio, o teatro, a crítica e, faltaría, da propia narrativa. Sempre co cine presente, porque quen gusta das imaxes dramatizadas seica as leva nos xenes da súa creatividade, un aquel para o que non hai dicionario porque é puro sentimento. E ambos compartimos tamén admiración e amizade con dous referentes do noso cine, o histórico Carlos Velo e o contemporáneo Chano Piñeiro, de quen toma a súa Mamasunción -«rostro candeal de millo e de granito / abrado a rella e grade por romanos arados»- para versos de peche.

De aí o meu gozo cómplice co seu Cinepoemas, no campo da poesía, como antes foron O acomodador de Marcial Suárez, no relato, e Ilustrísima de Carlos Casares, na novela, os tres co cine nas súas verbas.

Máis de medio cento de filmes nos que Rodríguez Fer recoñece algún grao de fascinación. Sobre todo, «o cine máis vital», Huston, Cacoyannis e Kurosawa, por ter levado ao celuloide «as que quizais fosen as miñas personaxes cinematográficas preferidas: a Roslyn que encarnou Marilyn Monroe, o Alexis Zorba ao que deu vida Anthony Quinn e o Dersu Uzala que interpretou Maksim Munzuk», explica o poeta. De Griffith a Von Sternberg, Murnau, Chaplin, Ford, Eisenstein e Welles; de Pasolini a Visconti, De Sica, Fellini ou Bertolucci; de Truffaut a Kubrick e Allen; Kazan e Hitchcock, naturalmente... E tantos outros actos de amor ao cine redondeados con estes Cinepoemas, fermosa sobremesa do mesmo cinéfilo fascinado.