Antón Corral: «Agora somos un exército de gaiteiros e non nos poden borrar»

FUGAS

Xoán Carlos Gil

Mestre de mestres, Antón Corral (A Coruña, 1936) é o único galardoado dos premios Martín Códax nesta súa terceira edición que non vivirá os nervios da cerimonia. Xa sabe que a Asociación de Músicos ao Vivo recoñece co premio honorífico o seu labor durante décadas como artesán, divulgador e investigador de instrumentos populares galegos 

27 abr 2016 . Actualizado a las 22:38 h.

Antón Corral (A Coruña, 1936) é unha institución da artesanía musical e na formación en Galicia como impulsor do Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo, o seu maior logro profesional, tras uns inicios en Lugo onde comezou a dar clases e onde nos setenta especializouse na fabricación de gaitas e recuperou instrumentos como a zanfona, o pito pastoril ou a requinta. Falador e vitalista a piques de cumprir os 80, segue mantendo a humildade que os seus coñecidos resaltan, pero sen perder espírito crítico. Admite que o que máis lle tirou foi a ensinanza e foi mestre de xeracións enteiras de artesáns e músicos como Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Marcos Campos ou Anxo Lois Pintos, entre outros.

-A súa formación foi autodidacta.

-Para aprender a tocar non, pero si para o obradoiro, se cadra por iso me deu a obsesión de dedicarme a ensinar, en vez de construír instrumentos. Tiven a inquietude de ler. Temos en Galicia cancioneiros moi importantes e grazas aos alumnos que me falaban de instrumentos fun recuperándoos. 

-Pese a non estar ben vista a música tradicional.

-A min non me preocupou para nada que a xente se rira, había moito desprezo ao gaiteiro. Tocoume recuperar instrumentos, pero, ao mesmo tempo, o pobo en xeral, a xuventude, tamén se empezou a preocupar dese tema. Agradezo a xente toda que tiven comigo porque axudoume moito a mellorar. Foi unha época, sobre todo a de Vigo, moi intensa, unha sorte, porque sempre andaba buscando a maneira de ter onde traballar cun obradoiro escola, intenteino en Lugo, en Ortigueira... e despois houbo a sorte de ir para Vigo. Chámolle un milagre ao que sucedeu, porque a nivel institucional non teño ningún tipo de agradecementos. Só o Concello de Vigo nesas datas. Este potencial que creou Galicia para a súa música tradicional, de raíz e folk, foi o pobo o que o fortaleceu. E máis que nas cidades, na zona rural foi algo impresionante. 

-A que o atribúe?

-Foi algo que xurdiu, agora todos os centros culturais dan gusto porque en cada parroquia hai colectivos e é unha marabilla. As veces pregúntanme cantos gaiteiros habería na miña época e non sei, digo 200 por poñer un número, e se cadra non os había. E nos noventa na escola fíxose un reconto de Galicia e saían case 35.000 persoas. Agora somos un exército moi numeroso e non o poden borrar. Pero persoalmente ás institucións non lles agradezo nada. Vivino en varios sitios e sempre é igual, á cultura sempre lle poñen problemas. Hoxe iso xa non o borra ninguén. Como agora é tan numeroso, na música tradicional hainos críticos e tamén hai polémicas. 

-Falando diso e como gaiteiro, é de Foxo ou non?

-De Foxo son íntimo amigo persoal, porque coincidía que onde tiña eu o obradoiro en Lugo estaba o seminario. El foi seminarista e tíñao todos os días metido comigo, era un rapaz que tocaba a gaita divinamente. Ao respecto que pasou, teño varias opinións. Eu felicítoo por como ten a escola, ordenada, insonorizada, pero a parte negativa -e sabe de sobra a miña opinión- son as fórmulas que está a utilizar, alleas á nosa cultura. Deulle polo lado escocés, por buscar o espectáculo e como é túzaro segue por aí. A terceira parte é que el está apoiado polas institucións: hai aí moito diñeiro e criticámolo os que estamos no tradicional porque se fose unha escola normal non a apoiarían como a apoian. Iso si, non hai ninguén en Galicia que investigase o que el; ten moitos coñecementos, pero cometeu ese erro hai anos e segue con el.

-Estraña que coa súa faceta de investigación vostede non publicara.

-Non coincidiu. Dentro de pouco sairá unha pequena historia miña, irán cousas importantes. Pero por respecto a quen o está facendo non quero adiantar nada.

-Que lle queda pendente?

-Eu sigo na marcha, sigo traballando e investigando e intentando mellorar o que hai, aínda. Iso ata sempre. Hai que perfeccionar moitas cousas, a calidade, a afinación, o timbre, os instrumentistas... penso que é un labor que non se vai acabar nunca. Hai que seguir mellorando. Eu toquei sempre, fun gaiteiro dende os 8 anos, e sempre tiven grupo e sempre dunha calidade boa, pero na faceta artesanal intentar mellorar e perfeccionar é unha obsesión que teño metida. 

-De que alumnos está máis orgulloso?

-A resposta é complicada. De Vigo saíu moitísima xente dunha grande calidade, hai un colectivo numeroso bastante importante e cada un ten a súa identidade propia e iso é a súa riqueza. Eu inculcáballes que non fosen fotocopias.

Pontevedra. Gala dos Premios Martín Códax. Pazo da Cultura. Xoves 28. 21 horas