As claves da pintura de Luis Seoane

Ramón Nicolás

FUGAS

O selo Laiovento reúne nun volume catro ensaios do historiador da Arte Carlos L. Bernárdez sobre a obra plástica de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979). Na foto, o óleo «O Meco» (1963), exposto na mostra organizada pola Fundación Seoane no Marco de Vigo no 2015
O selo Laiovento reúne nun volume catro ensaios do historiador da Arte Carlos L. Bernárdez sobre a obra plástica de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979). Na foto, o óleo «O Meco» (1963), exposto na mostra organizada pola Fundación Seoane no Marco de Vigo no 2015 VÍTOR MEJUTO

O profesor e historiador da Arte Carlos L. Bernárdez ofrece en «Un pintor que sabía o que facía» unha visión sistemática e precisa sobre o percorrido de Seoane como artista plástico

25 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha ocasión Picasso afirmou que Juan Gris era un pintor que sabía o que facía e Carlos L. Bernárdez, un dos especialistas máis recoñecidos no eido da crítica das artes plásticas en Galicia, reutiliza esta sentenza para aplicala á obra artística de Luís Seoane no que entendo como todo un acerto. Este ensaio, subtitulado Achegas á obra pictórica de Luís Seoane, supón tanto para leigos na materia como para as persoas afeccionadas a esa rara avis que son os ensaios de asunto pictórico, un libro agradecido e moi a ter en conta.

Agradecido porque, sen dúbida, con el se amplía a bagaxe particular que se teña no que se refire á comprensión de boa parte da pintura galega do século XX a través dunha análise concienciuda e situada ben lonxe, á mantenta, de tecnicismos que empecen a lectura deste tipo de textos; a ter en conta porque garante internarnos con aproveitamento naquelas claves máis salientables que simboliza, aínda hoxe, o herdo pictórico de Luís Seoane, contribuíndo asemade a que se entenda mellor a totalidade da súa obra artística.

Así pois, través da compilación dos catro ensaios que se encerran neste libro, desvélanse os desafíos e as diversas dimensións que supoñen as  manifestacións plásticas de Seoane vinculadas sempre cunha inexcusable vontade de intervención no campo do compromiso social e político. Velaí a análise global da súa pintura e a evolución do seu estilo, a análise cumprida das súas intervencións ao longo da Segunda República ou o estudo da interacción  artística que realizou con Lorenzo Varela para concluír cunha revisión e un diálogo cos traballos sobre arte que escribiu o propio Luís Seoane.

Apunta Bernárdez que a obra do pintor coruñés foi «un exercicio de consciencia e de dignidade contra a desmemoria» e as argumentacións coas que defende esta afirmación son sólidas. Recomendo coñecelas.

Un pintor que sabía o que facía. Ensaio. Carlos L. Bernárdez. Laiovento. 100 páxinas. 13,60 euros