O amor e as súas anacronías

Ramón Nicolás

FUGAS

JOSÉ PARDO

Francisco Castro volve transitar cunha ficción que se asenta no territorio das relacións sentimentais e faino cuestionando con solvencia os piares do chamado amor romántico

19 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode resultar doado construír hoxe en día unha novela sobre o amor, ou talvez non, aínda que o díficil sempre será aproveitar os alicerces desa historia para albiscarmos a onde nos leva perpetuar determinadas crenzas xeneralizadas que teñen efectos perversos. Sobre este asunto, e outras cousas, ideou Francisco Castro unha proposta verista e contemporánea onde as vidas de dous personaxes -Carla, unha muller que sacrificou todo por nada, e César, un enigmático fotógrafo-, conflúen inesperadamente tras a aparición na casa da primeira dun cadáver, o que a vai abeirando aos poucos cara a unha tonalidade de corte detectivesco.

Con todo, talvez os devanditos Carla e César, a carón doutras presenzas, non constitúan o foco central desta historia pois, ao meu parecer, o protagonismo repousa na voz narrativa, envolvente e cativadora, case un demiúrgo: ela é quen nos conduce, marcando o ritmo acaído nos capítulos que son torrenteira e noutros de intensidade máis apracible, alí onde exactamente quere que nos situemos, isto é, fainos vivir arreo no mundo das conxecturas para desviarnos ou aproximarnos á resolución do enigma final, sempre sometidos á súa vontade. Por ela sabemos, claro é, o que os personaxes din, revela o que tanto Carla coma César pensan e, por veces, os recrimina, aconsella, comprende ou deixa en evidencia. Aínda máis, esa voz fai máis transparente o lene fío que separa a vida da morte e, sobre todo, exhibe as razóns da resistencia dese concepto anacrónico, pero aínda tan presente, do amor romántico. Nesa voz agroma, ás veces, o profesor de filosofía que o autor non deixou de ser, que abraza a ironía cando é preciso e nos conduce a que o relevante é aprender, se non se sabe ou se non se puido saber, a sentir.

Amor é unha palabra coma outra calquera. Novela. Francisco Castro. Galaxia. 224 páxinas. 17 euros