Centenario de Pepita Sabor

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

05 feb 2016 . Actualizado a las 17:11 h.

Chamábase Josefa Emilia Sabor Riera, filla de galego e santanderina, nada en Vilanova de Arousa, berce do pai, no ano 1916. Con ano e medio, cando tatexaba as primeiras palabras da fala de Arousa, emigra (emígrana) a Bos Aires. Estudante de Historia na Facultade de Letras da capital arxentina, algúns anos despois sería profesora de Biblioteconomía, materia na que publicou libros de consulta obrigatoria como o Manual de fuentes de información (1957). 

En 1992 obtivo o Premio Nacional de Historia pola súa investigación Pedro de Angelis y los orígenes de la bibliografía argentina. 

Desde moi nova é coñecida nos círculos eruditos arxentinos co nome de Pepita Sabor. Así lle chamaba o poeta Eduardo Jorge Bosco, que a coñeceu na Universidade porteña. 

Non tardaron en namorarse, el tan fondamente que aprendeu nos libros de poesía o idioma dos devanceiros dela, idioma no que escribiu oito fermosos e conmovedores poemas: Sete cancións e un texto neotrobadoresco, Cervo ferido. 

Para as cancións, o poeta escribiu esta dedicatoria: «A Pepita, porque, xunto a ela, eu escribín estes cantares, sentindo no peito toda a soidade de Rosalía e toda a saudade de Galicia, rosa de pranto entr?as herbas». 

Estas últimas palabras parecen arrincadas dun poema galego de García Lorca, a quen o namorado poeta arxentino veneraba. Eu publiquei, no ano 2007, o corpus galego completo de Bosco a partir dos orixinais que Pepita Sabor, a musa dos versos, me regalou. 

O libro, editado pola Xunta de Galicia, foi presentado, en maio de 2008, en Bos Aires, no café Tortoni, por Emilio Pérez Touriño, presidente do Goberno galego; por Carmen Llorca Bosco, sobriña do poeta, e por min. 

Non asistiu Pepita Sabor pois xa estaba nunha residencia. Visiteina ao día seguinte e vin que tiña na mesa de noite un exemplar do libro. 

Non sei se me recoñeceu, pero lembro o que me dixo a enfermeira que a atendía: «No hay día que no me pida el libro para que yo le lea alguno de los poemas. Yo soy paraguaya pero cada vez leo mejor el gallego de estos versos, que me emocionan casi tanto como a ella». Pepita Sabor faleceu en Bos Aires catro anos despois, en 2012, aos noventa e seis anos de idade. 

No ano 1974, un ilustre exiliado, Luís Seoane, publicou en La Voz de Galicia unha emocionada figuración dela.