«Cross» directos ao cerebro

Ramón Nicolás

FUGAS

EFE / Fernando Alvarado

Retorna Rivas á narrativa e faino cun estimulante «patchwork» literario que non agocha a súa vontade de intervención no noso tempo

11 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un abre un libro de Manuel Rivas ocorre algo, por moi obxectiva hermenéutica que se queira aplicar, que dificulta diseccionalo asepticamente, isto é, axiña se activa un proceso que obriga a ir descubrindo -con fascinación, pois non teño razóns para ocultalo- o que se quere revelar, talvez porque o autor sabe introducirnos nunha sorte de líquido amniótico, que alén de desdebuxar os perfís á mantenta tamén alimenta, ata que todo se converte en transparente, todo se percibe de distinta maneira.

Encerra este O último día de Terranova unha semántica única que o transforma nunha proposta imprescindible. As palabras, fustrigadas ou moumeadas case ao oído, gobernan con efectividade e magnetismo todo o que a xeografía desa libraría chamada Terranova encerra: un labirinto fantástico que posibilita pasar da oralidade ao ronsel surrealista e do verismo máis atroz ao territorio do máxico con pasmosa naturalidade. Doutro xeito sería difícil argumentar as razóns polas cales ese espazo simbólico resoa na memoria de quen se asome ao seu interior e descubra as persoas, obxectos e animais que o poboan: de Vicenzo a Garúa, de Eliseo a Comba, do inigualable Dombodán a Expectación... Terranova vén sendo memoria, cultura, saber popular, terra liberada, maxia, reivindicación e tamén esperanza.

Prosa alicerzada con libros, moitos certos e outros soñados; con lecturas, con retallos de memoria que serven para recoller o celme do que fomos na historia -da República a hoxe- e o que somos. Rivas pónnolo á vista, ofrécenolo aos sentidos e faino coma se nos mandase cross directos ao cerebro para que vexamos que as cousas suceden porque queren suceder, tamén para limpar os medos, para verificar como -por veces- é a boca da terra quen fala.

O último día de Terranova. Novela. Manuel Rivas. Xerais. 256 páxinas. 17,50 euros