A mirada humanista de José Suárez

Mercedes Rozas

FUGAS

Unha retrospectiva con máis de 200 fotografías, documentación, publicacións da época e dez pezas audiovisuais, entre as que destaca a reportaxe que José Suárez lle fixo ao cineasta Akira Kurosawa durante a súa estadía en Xapón, rende contas coa obra do fotógrafo alaricano. Recuperado o seu arquivo, a mostra achéganos a súa fotografía, na que forzosamente vida e obra van xuntas

27 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na obra de José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974) hai algo do que os clásicos chamaban «imitare», que non era só copiar a realidade tal como aparecía diante, senón interpretala, captándoa desde o lado da súa beleza. A biografía de Suárez preséntase intensa, enormemente axitada e desde logo nada doada. Sen dúbida, na súa ampla traxectoria sobráronlle motivos para elixir e pretextos para retratar, pero seguramente tivo que facer filigranas para acabar reflectindo esa parte máis amable da vida. Unha ampla retrospectiva en Santiago rende contas coa obra do fotógrafo alaricano. Nela detállanse cronoloxicamente os momentos máis activos dos seus arredor de corenta anos de traballo.

As súas primeiras imaxes saíron dunha cámara que lle regala o seu pai cando termina o bacharelato e que seguirá con el mentres estuda Dereito en Salamanca, cidade na que toma contacto coas vangardas de preguerra. Segue con entusiasmo a Revista de Occidente, dirixida por Ortega e Gasset, e traba amizade con Unamuno, ambos serán referentes intelectuais que marcarán a súa existencia. Da década dos trinta son algunhas das imaxes de Castela con paisaxes de marcada profundidade e algúns dos retratos do filósofo e escritor da Xeración do 98.

En máis dunha ocasión José Suárez percorreu a pé o longo camiño desde terras salmantinas ata Allariz, recollendo ao seu paso aqueles instantes decisivos que, máis ca cuestión de azar, rastrexaba ata lograr conquistalos. Pode ser que nun principio non fora máis nada ca un afeccionado, pero pronto soubo ver calidades específicas da técnica: atinados contraluces, a contundencia do primeiro plano ou o distanciamento preciso para tomar outro xeral. É na súa terra natal onde realiza a reportaxe A romaría de San Vitorio no que se ocupa de reflectir o ambiente festivo da feira e as escenas concretas dos seus músicos, pulpeiras, devotas...

O fotógrafo non busca o costumismo, nin a curiosidade pola curiosidade. O seu é un alarde de dignificación do paisano galego que levará tamén ás estampas sobre a tradicional tarefa da malla, así como aos labores dos oleiros ou ás do mundo do mar. Blanco Amor escribiría: «Dos seus mariñeiros, non direi nada deles, para que? Aí están. Falarán eles coas súas perennes voces, se é que a sensibilidade galega, despois de tanto folclore, de tanto esquecemento, de tanto soño, é aínda capaz de sentirse a si mesma».

Nesta serie, Mariñeiros, albíscanse con claridade certas características de posicionamento de estilo, que moi probablemente en Suárez non fosen unicamente intuición, xa que polo seu interese e formación intelectual obviamente estaba ao tanto das correntes que gozaban naquel momento de predicamento en Europa. Neste sentido a modernidade da Nova Obxectividade maniféstase a través dun realismo obxectivo, no que a figura humana é sempre protagonista, e nun compromiso que en Suárez convértese en poesía social. «Nas miñas fotos sempre está o home, ou polo menos a súa pegada», dicía. Con imaxes sinxelas, contornos marcados, escenarios nítidos, composicións en diagonal ou inclinadas e planos en contrapicado, que engrandecen o asunto retratado, crea marabillosas imaxes como a do Gabián celta e a do neno da Javiota.

Por estas mesmas datas comeza a experimentar co documental, rodando en Bueu sobre a vida dos mariñeiros, película que se verá cortada polo inicio da Guerra Civil, que desbarata calquera indicio de continuidade da súa actividade en Galicia. Suárez é un home liberal, así que ten que exiliarse en América. A súa muller, coa que casara facía menos dun ano, decide non acompañalo. A separación da familia e os amigos «vaino sumir nunha profunda soidade e amargura». Arxentina, Uruguai e Chile servirán novos argumentos fotográficos. O tema dos gauchos en Tierra de Fuego, a colleita do algodón en El Chaco e a neve e a práctica do esquí, afección que compartía co seu amigo o tamén exiliado Luís Tobío, lévano a realizar unha serie nos Andes dunha gran sensibilidade plástica, que Suárez traslada como director de fotografía tamén ao seu labor cinematográfico.

O carácter aventureiro impúlsao a seguir viaxando. A principios da década dos cincuenta marcha a Xapón, país no que, nas súas propias palabras, buscará «un período de paz, de tranquilidade espiritual e de cambio de ambiente». Quedará dous anos, interesándose na cultura nipona, especialmente no teatro Noh, do que toma interesantes rexistros como o fermoso retrato de Musume atusada pola sombra do seu abanico. A influencia da cultura oriental será tan relevante que o levará, xa de regreso en Uruguai, a vivir «como un filosofo de Oriente, encapsulado, afastado, tranquilo e gozoso, no medio de fermosas cousas da vida que son as máis naturais e máis simples», entre elas o seu can, Mambrino, co que se retrata nunha fotografía que abre esta exposición xunto ao verso «uns ollos vivos que pensan» que lle dedicou o poeta José Bergamín.

En 1959 José Suárez regresa á súa terra. Quizá, a dicir dos seus amigos, demasiado pronto. O choque foi brutal. Durante uns anos percorre La Mancha en busca de novos ambientes. Os comisarios da exposición, Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, contan que «partiu á procura do Quixote e só atopou sanchopanzas, observando que a miseria que deixara antes da Guerra Civil non cambiara. E iso o desazonaba». Xa en Galicia leva a cabo distintas series que mostra nunha exposición en Vigo, para a que lle escribe o texto Blanco Amor, que xunto a Carlos Casares coñece ben a súa obra.

Con todo, o regreso non lle axuda a sacar adiante o seu traballo como el quería. Despois de desprenderse dos seus obxectos persoais para sobrevivir, mesmo do seu material fotográfico e as súas cámaras, en xaneiro de 1974 quítase a vida nun hostal da Guarda despois de escribir: «A quen dalgún modo alcancen as molestias que ocasione a miña morte, ante todo, perdón por ocasionarllas».

José Suárez, uns ollos vivos que pensan. Santiago. Gaiás. Ata o 27 de marzo. De martes a domingo, de 10 a 20 horas. Entrada libre