Restituír a memoria

Ramón Nicolás

FUGAS

Capotillo

Tras o seu anterior e exitoso libro, titulado «Matriarcas», a xornalista Montse Fajardo intérnanos, mercé ao recurso da memoria oral, nas augas da memoria dalgunhas das vítimas silenciadas do ano 36

16 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por veces atópanse libros que provocan unha sorte de tsunami interior, deses libros estraños nos que a persoa que os idea se retira, discretamente, a un segundo plano e deixa que sexan outras voces as verdadeiras protagonistas, posibilitando que se desvele e difunda parte daquilo que non está na historia oficial, aquilo que lle toca de perto ás persoas que sufriron en carne propia persecución logo do levantamento militar do ano 36. Moitas delas, as que forman parte desa lexión que atravesan a historia en silencio, non poden falar, pero neste libro fano a través de voces de mulleres, fundamentalmente, que foron testemuñas de vidas truncadas e que tamén foron vítimas por seren persoas próximas ás persoas fusiladas, paseadas ou asasinadas con impunidade.

Esta é a base de Un cesto de mazás. Nel reconstrúense biografías ofrecendo dezaseis testemuños, algúns máis coñecidos, outros totalmente ignorados ata o de agora, onde non é difícil que a emoción asolague a propia lectura. Os discursos recollidos son claros e directos, porque se fan con liberdade e porque -sospeito- a persoa que demanda información o sabe facer con sensibilidade. Deste xeito recupéranse capítulos cheos de espanto onde o sufrimento, o clima de represión e violencia, os agochos, as foxas, o medo, o exilio (interior e exterior), as detencións,  o ostracismo, a miseria e a incomprensión case se converten en algo tanxible, que percorre liña a liña as páxinas deste libro. O abismo ao que foron conducidas estas persoas silenciadas retrátase con tanta transparencia e bo facer que non podo deixar de saudar esta achega con respecto e, ao tempo, fervor, desexando que goce da mellor das sortes que lle podería tocar: que se lea, que se saiba o ocorrido, entre outras moitas persoas, a Manolo de Socorra, a Josefina Arruti, a María Vázquez Suárez, a Ernestina Otero,  Ángel Huete ou Angelina Fernández Roces,  por só citar uns casos; tamén a quen con estas persoas conviviron e poden lembralo.

Un cesto de mazás. Crónica-Xornalismo. Montse Fajardo. Autoedición. 256 páxinas. 20 euros