Unha ollada á condición humana

Ramón Nicolás

FUGAS

Xoán Carlos Gil

An Alfaya dá a coñecer unha novela na que se mergulla nun dos ángulos máis descoñecidos da mente humana como é o das vivencias dun grupo de persoas con tendencias suicidas

02 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo aquilo que beirea a dor, a insatisfacción continua, a incomunicación, o ámbito das rupturas persoais, a violencia, a incomprensión social ou a incapacidade de saír adiante é un universo que, nun momento determinado, pode arrastrar ao suicidio. E este non é un motivo literario recreado con frecuencia, nin sequera socialmente se lle presta a atención que, talvez, merecería. An Alfaya abraza aquí este asunto con convicción -se cadra mellor sería dicir que o espreme ata que deixa de zumegar todo o que literariamente atesoura- e ofrece unha novela sólida na que resulta inevitable preguntarse polas razóns desa última vontade, desa renuncia definitiva. 

No deseño argumental dun traballo profesional que un gabinete sociolóxico debe asumir, para elaborar un estudo vinculado cun grupo de persoas unidas polo suicidio con tendencias criminais, An Alfaya retrata un mundo de interiores, naturalmente ofegante por veces, onde á forza estarrecedora dos testemuños recollidos e interpretados súmaselle a descuberta de episodios familiares, terribles e só intuídos, que se lle van revelando á propia protagonista.

Deste xeito a autora non ofrece unha novela amable, senón unha proposta traballada e documentada, chea de intensidade dramática e na que se deposita unha inequívoca e alta carga emocional. Polas súas páxinas escintila un escalpelo que non se limita a diseccionar uns casos desde o punto de vista científico ou aséptico, nin sequera aqueles acontecementos que rodean ás vivencias máis persoais da investigadora. Nun e noutro plano poténciase  a intención de amosarnos, coas súas cicatrices e cos seus silencios, unha realidade agochada para que tamén nos cuestionemos o noso propio papel neste universo. Alfaya expón, de novo e diante dos nosos ollos, realidades que están aí e ás que outorga visibilidade. A intención é meritoria e o resultado tamén.

Muros de Aire. NOVELA. An Alfaya. Xerais. 248 páxinas. 17,50 euros