A realidade alén da imaxinación

Ramón Nicolás

FUGAS

RAMÓN LEIRO

A solvencia narrativa do escritor pontevedrés Manuel Lourenzo González permítenos navegar por máis dunha vintena de engaiolantes «atopocronías»: relatos que viaxan polas fronteiras do espazo e do tempo hibridando feitos reais con outros fabulados

18 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é un libro de viaxes, un libro singular e probablemente de difícil imitación, mais unha auténtica crónica viaxeira. Viaxa, inicialmente, da rede ao papel: vinte e cinco entregas que viron a luz nun xornal dixital compílanse agora nunha edición moi atractiva da man de Urco Editora. Transita, igualmente, a través dunha imaxinación que non dubido en cualificar como fértil e portentosa por espazos, fábulas, mitos, xentes, xeografías e acontecementos históricos que foron, ou ben puideron ser, e que o autor sitúa na cidade de Pontevedra: nunha cidade en parte real mais tamén en boa parte soñada ou entrevista. 

Xustamente no meritorio e conseguido proceso de hibridación de tempos e espazos, e no emprego dunha prosa certeira, áxil e non exenta de certa ironía, é onde radica, ao meu ver, o atractivo destas prosas de diáfana inspiración borgeana e nas que non resulta difícil advertir pegadas de grandes fabuladores como Álvaro Cunqueiro ou Torrente Ballester. Lourenzo, deste xeito, posibilita que nos adentremos, case sen sabelo, polo extraordinario e o fantástico con visos de normalidade ou quen sabe se precisamente ao contrario. Talvez con esta perspectiva última se goce máis deste enciclopédico e gorentoso desfile de personaxes e circunstancias, onde o inesperado axexa en cada páxina como ben se testemuña, por citar algúns casos, no desvelamento da orixe auténtica do loro Ravachol, das razóns que conduciron a que en Tambo houbese un coloso ou que unha Gioconda permanecese agochada no Museo Provincial.

Despide o libro o autor co desexo de que «a inocencia non vos abandone»: marabillosa conclusión para un libro que, sen dúbida, fai moito por recuperala.

Cegoñas no fondo da ría. RELATOS. Manuel Lourenzo González. Limiar de Luís Bará. Urco. 266 páxinas. 13 euros