A historia de Susi Arnela

Ramón Nicolás

FUGAS

VÍTOR MEJUTO

Primeira novela de Diana Varela que percorre os camiños da evocación sen esquecer emitir luzadas críticas cara a un sistema de valores caducoe moralizante

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Proba fortuna a escritora cormelá Diana Varela no eido da narrativa, tras diversas e galardoadas incursións poéticas, dramatúrxicas e outras dirixidas a un lectorado novo. Faino cun exercicio no que sutura, se cadra, máis memoria que ficción, inspirándose ao que parece na contorna natal, isto é, no ámbito no que a autora alentou os días da infancia e a adolescencia. O resultado é unha sorte de radiografía, unha ollada nada melancólica, ao meu ver, dirixida a ese espazo particular que bautiza como Xuvino e que se percorre da man da figura, sólida e ben perfilada, de Susi Arnela, cuxo protagonismo ocupa catorce entregas, ao tempo que a novela se complementa con outras trece visións mais un epílogo, que dotan de cabal sentido á proposta.

Desvelar as arestas de Susi Arnela, quen afinca a súa presenza desde as instancias da sensualidade e a intelixencia, supón asistir ao proceso que a irá moldeando, manipulando e destruíndo a un tempo pois xustamente eses dous elementos que a caracterizan, a forza de espertar envexas e frustracións, acabarán por convertela nunha «bolboreta fendida». Esta visión enriquécese coa que ofrece outra  voz narrativa, unha amiga da protagonista, que rememora o pasado común,  mais tamén todo aquilo do que foi testemuña ?expoñéndoo pero nunca xulgándoo? para o que acode á memoria persoal e comunal, ambas as dúas operativas para describir o espazo de Xuvino, poboado por personaxes curiosos e, probablemente, irrepetibles; mais tamén por abrazar os ecos dunha tradición ancorada a unha moralidade no fondo perversa e destrutora que contribúe ao estrago dunha vida que non era, dalgún xeito, nin gris nin nada común.

Fin de Festa. Novela. Diana Varela. Laiovento. 76 páxinas. 8 euros