Esencial

FUGAS

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tempos difíciles para a literatura. Todo se confunde. E todo o escrito semella ser considerado novela, poema ou ensaio. Adoito non falar destas desmesuras e rara vez atendo ao fútil e inane do moito que se publica no noso país. Polo contrario, un alégrase cando encontra, perdidos entre a espesura das actualidades literarias, novelas que nos devolven o esencial da literatura. Hoxe quero centrarme en dúas delas.

Unha de Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta principal de Nós, pero tamén autor de prosa límpida e alta. Publica As últimas galerías, novela de rememoracións, evocadora, mixtificadora no mellor sentido da palabra. O narrador repasa recordos que devolverán un sentido diferente aos protagonistas e outorgarán aos lectores claves para desentrañar un misterio latente ao longo desta novela breve pero escrita polo dereito, «como debe ser», outorgándolle á palabra literaria valor en sí mesma e fuxindo dos tópicos tantas veces reiterados nas últimas horas da nosa narrativa. Recomendo con viveza esta novela porque «máis alá da trama está a lluz que se acende e se apaga, as luces dos farois da rúa, a luz que agoniza» (páxina 131).

E outra novela fantástica, espléndida, que debe ler calquera lector ávido da nosa historia, e máis dese personaxe fulcral dentro da mesma: Xelmírez. A galera de Xelmírez é unha pequena alfaia que nos regala un dos narradores galegos polos que sinto maior aprezo. Nunca fallou. Lembro aquella crónica titulada Follas de bacallau e regreso a ela con frecuencia: quizá un dos libros que mellor relata a intrahistoria do mar galego. Aquí, en A galera de Xelmírez, Xabier Paz fálanos dunha viaxe e da construción dunha nao. Os protagonistas percorren o camiño, o camiño noso, e a viaxe transfórmase en absolutamente iniciática e definitiva para as súas vidas. É unha novela de sorpresas, pero non de trucos. Unha novela escrita coa mestría dun autor esencial, velaquí o título desta columna. Non deixen de lela porque encontrarán unha morea de personaxes interesatísimos, propios dos feirantes de Cunqueiro, ou dos señores que debuxou Otero Pedrayo. A presentación da novela por parte da editorial acaba dicindo: «Escrita cun estilo coidado que fai desta novela unha magnífica peza literaria, Xabier Paz retorna para ofrecerlles aos seus lectores e lectoras a mellor narrativa». Nunca puiden estar máis de acordo. Literatura esencial, pura.