Da galera á nave de cristal

R.N.

FUGAS

28 ago 2015 . Actualizado a las 14:40 h.

Dá xenio ler a Xabier Paz pois sempre arroupa con agarimo o seu rexistro literario e con el lévanos aos tempos, ben documentados e espellados con brillantez, da construción dunha galera que sufraga o arcebispo Xelmírez para combater as razzias dos sarracenos. 

Neste contexto agroma un conflito onde a suplantación de identidades entre personaxes abre a porta para amosar, desde un ángulo alleo ás conviccións relixiosas, o poder transformador do Camiño. É aí onde a alquimia evidencia o seu poder metáforico: querer coñecerse conduce a renacer, malia que esta vontade veña da vertixe e dos praceres ocultos nunca experimentados pois, ao cabo, estes posibilitan pilotar, por pouco tempo, unha fascinante nave de cristal e non unha galera de madeira.

A galera de Xelmírez. Novela. Xabier Paz. Xerais. 160 páxinas. 16,65 euros