Thelonious Monk na medianoite

FUGAS

04 ago 2015 . Actualizado a las 16:26 h.

Cando se fala de jazz é imposible pasar por alto a creatividade musical do compositor e pianista estadounidense Thelonious Monk, nacido hai case un século en Carolina do Norte e morto aos 64 anos en Nova Jersey, despois de pasar unha década recluído nun cuarto no que, cada mañá, se vestía con elegancia para ir a ningures e terminaba pasando case todo o día tirado na cama. Padecía daquela unha enfermidade mental que determinaba ese comportamento, só ocasionalmente interrompido. 

El, que fora o home tranquilo do jazz nos axitados tempos do bebop e do hard bop, terminou case paralizado, relembrando talvez as fermosas creacións que o fixeran célebre. Por exemplo a titulada Round about midnight (Arredor da medianoite), inesquecible polo seu sutil e sabio ritmo. Nela, cada nota musical é parte dunha mensaxe sobre a propia vida. Quizais por isto é unha das composicións máis coñecidas e máis gravadas polos mellores músicos de jazz. Thelonious Monk tiña 18 anos cando a concibiu e a musicou.

De certo, Monk comezou no jazz en 1941 cando o baterista Kenny Clarke o escolleu como pianista para tocar no Minton´s Playhouse de Manhattan, onde nacería o bebop. Alí foi depurando o seu estilo, en contacto con músicos como Charlie Parker, Dizzy Gillespie, Miles Davis, Sonny Rollins, John Coltrane e Milt Jackson. Tres anos despois xa gravou co Coleman Hawkins Quartet. E en 1947 figuraba como líder da súa propia banda e publicaba o seu primeiro elepé, que acreditaba o seu talento para a composición e un estilo inconfundible para a improvisación.

Entre 1952 e 1954 gravou discos -que foron claves na súa carreira- co saxofonista Sonny Rollins e o baterista Art Blakey, e logo tamén temas de Duke Ellington. Despois, seguiu co saxofonista John Coltrane. En 1957 xa desprazara a Bud Powell do reinado no piano, para converterse el no novo gran mestre. O público conectara definitivamente co seu xeito de comunicarse por medio da música. 

En 1971-72, alcanzara o ceo e tocaba con Giants of Jazz, que reunía o mellor de cada casa instrumental. Pero a perda de saúde xa comezara a perseguilo con teimosía e en 1973, topado de cheo, desapareceu da escena. Aínda volveu algunha vez, pero nunca xa para ser o que fora. Mais o milagre das gravacións permitiu que nos quedase para sempre a súa música infalible.