Un sólido e definitivo rescate

Ramón Nicolás

FUGAS

Quen foi Francisco Luís Bernárdez? Que relación mantivo con Galicia? Sendo un referente destacado da literatura arxentina, cal foio seu papel nas letras galegas? A estas, e outras preguntas, responde folgada e rigorosamente este libro

07 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algúns anos, cando un andaba á busca dun artigo ou unha crónica concreta espallada nos xornais ou nas revistas galegas de comezos do século XX e que hoxe, como daquela, dormen nesas fontes de inestimable importancia que son as hemerotecas e os arquivos bibliotecarios, non resultaba estraño que saltaricasen, en numerosas cabeceiras, colaboracións asinadas por un tal Francisco Luís Bernárdez, figura sobre a que, en Galicia, moi poucas persoas eran as que detentaban a facultade de poder compartir o que del sabían, víndome agora á memoria os nomes de Xesús Alonso Montero, Fernández del Riego, Luís Martul Tobío ou X.L. Méndez Ferrín. 

Para encher esta evidente lagoa e mais para difundir a figura de Bernárdez, chega este volume que non dubido en cualificalo como un dos máis salientables dos que viron a luz entre nós nos últimos meses: un libro particular de autoría múltiple que cabalga entre a cronobiografía, o ensaio divulgativo e a compilación literaria de textos case inatopables ou de moi difícil acceso. Todo por xunto, nunha proposta de gran formato e editada ao abeiro do Centro Pen Galicia, que incorporou un abondoso corpus fotográfico, documental e, xaora, analítico.

Unha das razóns que xustifican esta publicación é, sen dúbida, a de acometer un rescate para a nosa literatura, para a historia do noso xornalismo tamén, dunha figura que, por diversas circunstancias, navegou entre dúas culturas como foron a arxentina e a galega, resultando bastante ignorada ou esquecida entre nós talvez por ter gastado máis tempo da súa vida na Arxentina que en Galicia. Deste xeito, como debía de ser, voces de aquén e alén mar conflúen aquí para pescudar, baixo a organización do poeta Luís G. Tosar, naquilo que Bernárdez foi, e deixar así  testemuña do seu legado. Velaí como quen se achegue a estas páxinas poderá gorentar dunha precisa cronobiografía e de diversos estudos que beirean o biográfico, pasando por outras achegas entre as que cómpre citar a que repara na súa relación con Galicia e a súa pegada na literatura galega, a cargo de A. Requeixo; a que analiza a defensa activa da lingua galega que Bernárdez simbolizou nalgún capítulo cultural e político do franquismo, da man de Xesús Alonso Montero; a que se nuclea nas dimensións das relacións literarias, amigables e familiares nalgún caso que mantivo con Julio Cortázar ou con Jorge Luís Borges como Fernández Naval ou a propia Aurora Bernárdez nos recordan, ou aqueloutro que valora xustamente o seu percorrido como xornalista, que ben expón o poeta arxentino Antonio Requeni. 

A coda do libro incorpora unha completa escolma de textos en galego e sobre Galicia e mais unha antoloxía poética de Bernárdez, ben operativa para calibrar o papel literario deste autor con raíces familiares e identitarias en Maside, e en Galicia en xeral, das que nunca abdicou. Unha sorte que este libro, coma un facho na noite, faga por alumealo.

Francisco Luís Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia. Ensaio. Luís G. Tosar (éd.). Centro PEN Galicia. 292 páxinas. 20 euros