Voces contra as prendeduras

Ramón Nicolás

FUGAS

«Inventario do prohibido», de Luz Campello

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

INTERNET
 Fura Luz Campello (Guitiriz, 1966), neste Inventario do prohibido, no peso dunha educación e dunha historia lastrada polo peso dunha hexemonía patriarcal e polas inequívocas dificultades do proceso de emancipación da muller. 

Faino a través dun monllo de composicións como ben podían ser un feixe de relatos ou un conxunto de reflexións de filiación ensaística; mais, son, inexcusablemente poemas, pois en cada un deles estoupa esa faísca do inaprensible, ese golpe de emoción que agroma no «non lugar» que é a poesía, tal e como advirte Eva Veiga nun luminoso limiar de lectura obrigada. Ao corpo central do libro van chegando regueiros afluentes aquí e acolá que o alimentan e que son unha multiplicidade de situacións, condutas ou pensamentos co obxectivo de construír unha cartografía que evidencia as dificultades palmarias para  reconstruír o suxeito femenino aínda hoxe. 

Nos poemas, alén do diálogo presente en tantos deles, fálanos unha muller «fractal» e «poliédrica» que repara na dimensión do corpo e dos corpos, na identidade e nos silencios, na invisibilidade e na práctica da violencia, mesmo nas voces que reverberan e que ás veces non se queren oír. Sempre á busca teimosa do espazo negado, que está aberto á posibilidade de compartir horizontes para darlle unha precisa volta ao abecedario do mundo.