Machado, McShade

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:25 h.

O xornalista e editor lisboeta Dinis Machado (1930-2008) convulsionou a narrativa portuguesa posterior á Revolução dos Cravos con O que diz Molero (1977), novela de marcado carácter xeracional que se converteu no seu maior éxito e coa que entrou a formar parte indiscutible da historia literaria do seu país. O libro, dificilmente encaixable nun xénero, tráxico e humorístico, ateigado de referencias traídas da cultura popular, ficou para a posteridade como a instantánea dun tempo compartido por uns homes e mulleres que alcanzaron a madureza nun país que abandonaba por fin corenta longos anos de réxime ditatorial. Machado viuse superado polo fenomenal impacto da obra. Seguiu exercendo o oficio xornalístico pero non regresou á novela. A súa produción posterior inclúe textos diversos á marxe da narrativa como Discurso de Alfredo Marceneiro a Gabriel García Márquez (1984), Reduto quase final (1989) e a colección de artigos Gráfico de vendas com orquídea (1993). 

Anda estes días nas mesas de novidades das librarías portuguesas A liberdade do drible (Quetzal), unha antoloxía das súas estupendas crónicas futbolísticas escritas entre 1978 e 1996.   

Paradoxicamente, o que poucos sabían cando Machado publicou O que diz Molero é que aquela non era a súa primeira novela. Necesitado de cartos a finais da década dos sesenta, o autor escribira tres policiais de peto para a colección Rififi da Editorial Ibis baixo o pseudónimo Dennis McShade, as moi interesantes Mão direita do diabo (1967), Requiem para D. Quixote (1967) e Mulher e arma com guitarra espanhola (1968). 

Por suposto, ningunha destas novelas de aires hammettianos chamou a atención da crítica no momento da súa publicación, pero hoxe son auténticas obras de culto entre os afeccionados portugueses ao xénero negro. A esmerada triloxía comparte un curioso protagonista que le a Céline e cita a John Huston, o asasino bebedor de leite Peter Maynard, unha homenaxe máis que evidente ao Pierre Menard de Borges. En 2008, as obras foron recuperadas do esquecemento pola editora Assírio & Alvim, engadíndose posteriormente a inédita Blackpot (2009).