Homenaxe a Balbino

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:25 h.

Leo nos xornais, con emoción e sen sorpresa, que a novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego chega á trixesimoquinta edición, a recentísima de Galaxia. Os expertos afirman que é o relato en galego de máis éxito coram populo (edicións, traducións, adaptacións?). 

Sabido é que se publicou, por primeira vez, en Bos Aires, cunha cuberta de Luís Seoane e un limiar de Rafael Dieste. O libro, publicado alén mar en pleno franquismo, tardou sete anos en reeditarse pois a segunda edición data de 1968 (Ediciós do Castro). 

Ilustrouna Díaz Pardo e prologueina eu nun momento no que ningún dos dous, devotos deste gran relato, sospeitabamos o éxito que non tardaría en acadar. Tamén entre a mocidade universitaria tiña devotos a novela, entre eles Arturo Reguera, que, meses antes, intentara publicala na nonnata editorial Rúa Nova. 

Recoñezo que fun, en pleno franquismo, un propagandista (na prensa e na tribuna) destas conmovedoras Memorias e que, nesas presentacións, puña o acento na concepción socio-moral  de Balbino, protagonista e «autor» do relato: o Balbino a quen, sendo leigo na teoría da plusvalía, lle doía que os seus pais e irmáns tivesen que segar trigos alleos e domear, moralmente, o lombo ante o señor. Balbino era un rapaz enxebre e, intuitivamente, de esquerdas, el, que ignoraba a existencia de Marx e de Gramsci. 

A partir do ano 1968, todos os Balbinos de Galicia cun pouco de ilustración leron as Memorias dun neno labrego, e desde aí, desde o relato de Neira Vilas, convertéronse en lectores de literatura galega, en demandadores de textos escritos en galego.

Eu, que teño os anos de Balbino Neira Vilas e que vivín e padecín, de neno, o mesmo universo rural, hai un ano homenaxeei a Balbino nunha peciña de teatro que algúns críticos consideran a primeira obra de tema sociolingüístico na historia do teatro galego. 

Titúlase Un xuízo oral («bilingüe») nunha vila galega no outono do ano 1942, que publicou Xosé Luna en Edicións Fervenza (A Estrada). Tamén el dirixiu a estrea no colexio do Foxo, contando cun elenco admirable de profesoras e nais de alumnos. 

Na miña obriña, no xuízo oral, o único personaxe que fala en galego no estrado (non sabía outro idioma) chámase Balbino Neira Castro. Esta foi a miña homenaxe ao protagonista e «autor» das Memorias dun neno labrego.