A escolla folkie entre Guitiriz e Zas

Dolores Vázquez NO TORREIRO

FUGAS

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:25 h.

É cuestionable que dúas das citas galaicas e folkies por excelencia se pisen todos os anos, e que a xente tire de repaso unha e outra vez da programación para saber se colle a primeira fin de semana de agosto para Guitiriz ou para Zas. Para moitos non hai escolla, é cuestión de fidelidade. O Festival de Pardiñas leva 36 edicións consecutivas e o da Carballeira, 32, pero nestas cousas o número non pasa de anécdota. Este ano, coma xa pasou noutras edicións, hai artistas que van aos dous e así, cando menos, dan a posibilidade de escoller en que escenario se queren ver. Desta tócalle a Sés e a súa banda, que toma o sábado a carballeira e o domingo colle cara Pardiñas. Por se non chegase xa coa proposta musical que desgarra a un público común, as actividades paralelas aos concertos non facilitan a elección tampouco. Pardiñas comeza hoxe ás cinco cun programa onde tan importante como o cartel principal é todo o que xira ao redor da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, e finalizará a madrugada do luns cun final de festa con Sonoro Maxín. A Carballeira tamén arranca hoxe, ás dez da noite, e remata a madrugada do domingo co gaiteiro Anxo Lorenzo. Como novidade, ten mañá actividades durante o día. Agora só toca decidir a póla baixo a que se escoita a música.