Anos oitenta: Compostela punto cero

Ramón Nicolás

FUGAS

Antonio Piñeiro levanta acta do universo particular que se xerou coa chegada do estudantado universitario a Compostela ao longo dos anos oitenta: unha viaxe polo que aquilo foi e polo que significou

03 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Destila vagar compositivo e innegable afán de innovación este novo libro de Antonio Piñeiro que ten a ben advertir, nas páxinas limiares, as claves do enfoque que exhíbe acaroándose ás definicións de novela de Pío Baroja -«ese saco remendado onde cabe todo»- e de Cela: «Documento, espello ou cámara tomavistas».

Un hibridismo asumido que se cadra bascula cara á crónica ensaística, cunha enorme documentación polo medio, entreverada coa propia ficción ou, se se quer, coa «non ficción» e que se inxecta por unha estética de sensacións. Vese, si, un rapaz con catiúscas que chega a Compostela nos anos oitenta, algúns amigos e amigas de perfís un tanto esvaecidos e outros milleiros de persoas que constituirán parte dun novo escenario construído polas fotocopias e o vaso tubo, polos espazos do Modus Vivendi e os bares da praza de Mazarelos, do Fuco Lois ao Metate e ao Clangor... Todo resulta operativo para compor un enorme mosaico coas teselas do que viron, do que experimentaron ou, talvez, sospeitaron, deseñándose un percorrido individual e colectivo, globalizador sempre, do que naquela cidade se xerou ao acoller un incremento demográfico inusitado ao longo de sucesivos períodos lectivos universitarios de toda unha década.

É este un libro alleo a saudosismos, dominado tanto por un alento lírico como por unha pulsión xeracional, concibido para abordar o que a vivencia deses anos nese lugar supuxo para a construción identitaria. Unha proposta que dialoga non só con voces que afortalan un discurso do pensamento (Goethe, Bataille, Hume...) ou con aquelas que protagonizaron o día a día daqueles anos ou o deixaron recollido en letra escrita; fala coa memoria rescatada que acode ao reclamo da construción narrativa para desvelar, con ollada propia, o que bulía naquela Compostela nos eidos do hedónico, do lúdico, do literario, do social, da musical, do artístico e das relacións persoais. Anos que foron quen de erguer algo común, isto é, ese recoñecernos en nós e nos demais.

A identidade fascinada. Narrativa. Antonio Piñeiro. Galaxia. 164 páxinas. 14 euros