O comando da Burga

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O que nos Estados Unidos se coñece como crook story (narracións dende o punto de vista do delincuente) naceron nunha época na que o gansterismo medraba por todo o país a consecuencia da prohibición da venda e fabricación de bebidas alcólicas, instaurada a partir de 1919 coa aplicación da décimo oitava emenda. A lei sementou o terreo para a aparición dunha industria ao redor dos mercados clandestinos que tivo o seu reflexo inmediato nas tramas ideadas polos escritores de Black Mask, que non tardaron en seren contratados como guionistas de Hollywood polo seu coñecemento do mundo criminal. O delincuente pasou de ser un arquetipo reprendido pola moral burguesa a converterse nun rebelde nihilista cuxas actividades ilícitas non eran máis censurables que a corrupción existente nas altas esferas do sistema económico. Dende os baixos fondos de Chicago, o mestre W.R. Burnett abriu a espita en 1929 coa espléndida Little Caesar, ascenso e caída dun gánster de orixe italiana identificable con Al Capone. Era a primeira vez que se analizaba a sociedade norteamericana a través dos ollos dun criminal.

Levando a auga ao noso rego, un parente lonxano das nosas crook stories (obviemos a ausencia dunha reprobación ao contexto social no que xorde o delito) pode intuírse nas páxinas do esquemático relato Os graxos da Burga de Valentín Lamas Carvajal, publicado orixinalmente en 1884 no xornal O tío Marcos da Portela. Referenciados tamén polos seus contemporáneos Heraclio Pérez Placer e Francisco Álvarez de Nóvoa, os graxos ourensáns conformaron unha especie de comando xuvenil dedicado ao roubo e á expropiación ata que foron reducidos por un piquete de soldados en 1846. Eran sete: o Mourón, o Pachete, o Portela, o Redes, o Carruxo, o Oso e o Cancheiro. Traídos dun episodio aínda palpitante na memoria popular auriense, o espello literario daqueles rillotes decimonónicos amosounos por vez primeira os escenarios da marxinalidade urbana do noso país. Non dispararían cunha metralleta Thompson, como James Cagney, pero os graxos merecen un posto de honra entre os nosos delincuentes preferidos.