Carlos Maside, ética e implicación social

Mercedes Rozas

FUGAS

Pintor e intelectual, Maside (1897-1958) buscou referencias teóricas e prácticas tanto na tradición coma na vangarda. Unha exposición reivindica a súa obra para Compostela, tal e como deixou escrito o artista no seu testamento

22 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En máis dunha ocasión o destino abordou con complicados obstáculos a vida de Carlos Maside, abafándoo para decidir en momentos transcendentais. Sempre tivo opcións, puido escoller, e sempre resolveu tomar a mesma dirección: a da ética e a implicación social. A súa particular viaxe a Itaca incluíu moitos cruzamentos de camiños, non exentos de dúbidas, de dilemas que, de xeito especial ao final da súa existencia, ficaron por esvaecerse entre a soidade e o silencio.

Gozou do ambiente cultural e político da Compostela de preguerra, do animado bulicio e inquietude dunha xeración de mozos que como Manuel Antonio, Rafael Dieste, Bal e Gay ou Luis Seoane, nunha avinza común e en contra das directrices dos compoñentes do Grupo Nós, apostaban por un desexo de europeización vinculada á reafirmación da personalidade singular de Galicia. Os faladoiros no Derby ou no Español, os debates na imprenta de Ánxel Casal, así como as informacións que achegaban publicacións como Ronsel, Alfar e Nós fixeron de Maside un home competente, con argumentos abondo para posicionarse politicamente na esquerda nacionalista e ao mesmo tempo entender a arte cunha función social, imprescindible para cambiar o mundo.

Chegou a comprometerse co Manifesto Republicano de 1930, traballou a favor da Fronte Popular e colaborou activamente na consecución do Estatuto de Autonomía de Galicia. Despois do levantamento do 36, ábreselle expediente disciplinario, cesa como profesor e é inhabilitado para exercer a docencia e participar en actividades culturais. Moitos dos seus compañeiros marchan ao exilio, el dispón quedar coas súas irmás e sobriños. Será unha dura decisión. En tempos da ditadura, afastado dos seus amigos e recluído na casa da Rúa do Vilar nunca deixará de pintar.

Como pintor, a Carlos Maside se lle recoñece especialmente polas súas palilleiras, tendeiras, lavandeiras, feirantes e mariñeiros, modelos que retrata sen caer na anécdota artificiosa do costumismo. «O tópico non está no gaiteiro, dicía, senón no que fai a imaxe do gaiteiro». Cando plasma o mundo que lle rodea faino coa visión dun artista comprometido, sen pretensión de adozar ou trivializar a realidade, tampouco quere sublimala. O seu empeño é a de dignificar o labor destes traballadores. É a mesma finalidade das súas viñetas e ilustracións, pero cunha carga política máis sutil e menos evidente.

Tamén na súa traxectoria artística Maside tivo a oportunidade de optar por parámetros estilísticos distintos aos que finalmente se adheriu, entre outras razóns porque se mantivo informado de canto pasaba dentro e fóra do seu país, experimentou de preto as vangardas europeas, coñecendo en París e Múnich a actualidade do cubismo, fauvismo, abstracción e expresionismo, mesmo chegou a descubrir de primeira man as escenografías dos ballets rusos e a mordaz representación de George Grosz.

Foi un intelectual documentado que buscou referencias teóricas e prácticas tanto na tradición coma na vangarda. Admirou no expresionismo alemán o ingrediente das emocións, o colorido nas escenografías de Diaghlev e asumiu a receita da figuración que propoñían os de Nova Obxectividade. Pero, de novo, resolveu que calquera observación exterior tería inevitablemente que someterse a identidade propia. Podería ter asumido a novidade das vangardas, como outros moitos que participaron na chamada Escola de París, non obstante Carlos Maside preferiu construír a universalidade, como no famoso aforismo de Torga, dende o local, pero sen paredes.

Unha exposición programada pola Plataforma Carlos Maside reivindica a súa obra para Compostela, tal e como deixara escrito o artista no seu testamento, sen dúbida sería o mellor recoñecemento para a súa memoria.

Carlos Maside en Compostela. Santiago. Afundación. Ata finais de agosto