Intensidade emocional

Ramón Nicolás

FUGAS

Jorge Parri

Concha Blanco aborda en "O balcón do meu universo" un dos grandes temas na narrativa de sempre como son as relacións sentimentais, da man dunha protagonista feminina que percorre un camiño cheo de dificultades

08 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Concha Blanco (Lires, Cee, 1950) conta cun currículo literario ben extenso: alén de participar en numerosos proxectos de índole pedagóxica salienta, por dereito propio e ao meu ver escasamente recoñecido, no ámbito da literatura infantil e xuvenil.

Mais nesta ocasión Concha Blanco intérnase, como xa fixera con Berta (2001) e Sara (2004), nunha novela para un lectorado adulto e faino cunha proposta de inequívoca intensidade emocional. A protagonista perfilada en todas as súas posibles aristas -tamén nas súas contradiccións- é Lucía: unha muller que loita día a día por superar desencontros e golpes que vai dando a vida, sobre todo ausencias definitivas quer no ámbito familiar -onde sofre a evanescencia da figura paterna- quer naquel que apunta á orde dos sentimentos; ambos os dous xeran un desacougo difícil de aceptar, mais no que non ocupa un lugar menor a axuda recibida por personaxes de carácter moi particular ou mesmo «presenzas» que apelan, se se quer, ao sobrenatural ou ao que resulta difícil explicar.

Mais non todo son enganos, ausencias ou desencontros emocionais na novela. Non falta nela o recoñecemento que se lle outorga ao papel da muller ou a reflexión sobre a creba que supón a vivencia da emigración no entorno familiar, exhibindo tanto unha apreciable naturalidade na fluencia narrativa como unha adecuación fantástica na descrición de espazos, moi transparentes por exemplo no ámbito docente ao que Lucía pertence. Hai un pouso amargue nestas páxinas polas vivencias que Lucía debe arrostrar, abofé que si, mais tamén xorde sempre un raio de esperanza no confesado abandono do rancor que ela abraza: unha espléndida conclusión para esta novela.

O balcón do meu universo. Concha Blanco. Embora. 224 páxinas. 18 euros