Metáforas do noso tempo

Ramón Nicolás

FUGAS

Con "Funambulistas" (Xerais), o seu primeiro libro de narrativa, galardoado con premio Ánxel Fole, Mercedes Leobalde convídanos a entrar nn universo literario propio e suxestivo

17 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Con Chamádeme Eva (2013) Mercedes Leobalde asomouse ao mundo da poesía galega cun interesante volume que conseguira o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Pasado pouco tempo desde aquela, estréase como narradora con Funambulistas, un libro que me interesou pola súa polifonía, pola súa ductibilidade,  polas irrebatibles doses de orixinalidade que exhibe e pola posta en práctica,  con inexcusable brillantez, das esixencias que un xénero como o relato -ou o microrrelato nas máis das ocasións- esixe, e penso nas conclusións sorprendentes, nas acaídas opcións estilísticas que se escolleron e nese arrecendo irónico, necesariamente distanciador, que se dá nos máis dos fragmentos narrativos, chegando nalgúns casos a abrazar a parodia.

Constrúese así, nestas páxinas, unha metáfora depurada e consciente que avanza, que serpea e que vai collendo corpo progresivamente, conforme se van devorando os relatos, marcados na súa maior parte pola presenza do concepto da vulnerabilidade ou a inestabilidade -dimensión semántica presente xa no seu título-, tamén do descoñecido e da incógnita que simboliza a propia condición humana e as súas formas de estar e ser -a violencia, o medo, o sufrimento, a determinación por exemplo-, abeirándose nun contexto como é o presente, onde a menesterosidade agroma por calquera sitio, como ben espellan estas páxinas.

Funambulistas é un libro para gozar, pola contención expresiva que encerra, e tamén para pensar, polas conclusións que deitan estes relatos. Dous méritos, ao meu ver, que estou certo se han recoñecer xustamente.

Funambulistas. Mercedes Leobalde. Relatos. Xerais. 112 páxinas. 15 euros