As series galegas xa non son cousa de vellos

FUGAS

De esquerda a dereita, Chano González, Amaya Camino, Mar García, Carmen Cruz e Cristina Andión. Os cinco son seguidores de series de televisión de produción galega e mañá participarán na gala dos Premios Mestre Mateo que se celebrará na Coruña
De esquerda a dereita, Chano González, Amaya Camino, Mar García, Carmen Cruz e Cristina Andión. Os cinco son seguidores de series de televisión de produción galega e mañá participarán na gala dos Premios Mestre Mateo que se celebrará na Coruña Álvaro Ballesteros

Un novo episodio fanático está a xurdir entre a mocidade galega e desta volta non hai orquestras de por medio. É a paixón polas series televisivas galegas. «Serramoura», «Casa Manola» ou «Padre Casares» contan con miles de seareiros, frenéticos nas redes sociais. A gala dos Mestre Mateo dedicaralles mañá unha homenaxe. Nós reunímonos con cinco deles para entender mellor o fenómeno

10 abr 2015 . Actualizado a las 11:27 h.

Ninguén o podería ter predito. Do «avoa, ¿non podemos ver outra cousa que non sexa a Galega?» de hai non moitos anos pasouse agora ao «avoa, pon a Galega que botan Serramoura». 

As series de produción propia feitas en Galicia atoparon na xuventude un público tan inesperado como apaixonado. Un público que as segue e as defende con devoción case clerical e que as converte no epicentro dunha fervente e frenética actividade nas redes sociais. A propia televisión autonómica é consciente de que onde máis renovou o seu público foi nas series. E de aí, e dunha tendencia xeral nas canles de todo o mundo occidental, xurde en boa medida a actual aposta pola ficción. Unha aposta que no caso de Galicia fixo que chegasen a convivir na programación ata catro series ao tempo, xunto a outras dúas ou tres en proceso de produción. ¿Era visto? Non, máis ben o nunca visto.

O asunto non pasou nin moito menos desapercibido para os organizadores dos premios Mestre Mateo. Ata o punto de que na gala de mañá renderáselle unha homenaxe aos espectadores das series galegas a través, precisamente, dalgúns destes seareiros. FUGAS reuniunos en Santiago para que nos axudasen en primeira persoa a desvelar algunhas das claves do fenómeno.

O primeiro que chama a atención é o variado dos perfís. A partir dos nosos cinco convidados sería dende logo imposible debuxar o retrato robot do fan series galego. Amaya, de A Estrada, de 20 anos e estudante de Dereito. Mar, de Marín, de 38 e cantante de orquestra. Carmen, de Cospeito, de 40 e cociñeira. Cristina, de Lugo, 26 e estudante de Lingua e Literatura Española. E Chano, de Santiago, 33 anos e auxiliar de xeriatría.

O único nexo en común, a súa paixón polas series galegas. Amaya e Cristina tiran por Serramoura. Mar e Carmen son máis de Casa Manola. E Chano morre por Padre Casares. E maila que ningún despreza ningunha delas, para Mar, Serramoura ou Matalobos son «series máis pijas». As outras, di Carmen, «son máis coma nós».

Nesa capacidade de identificación teñen outra das grandes bazas este tipo de ficcións. Ata o punto de que en Galicia nin sequera chegan a funcionar as series que se producen en outras canles autonómicas. E viceversa. ¿Por qué? lles preguntamos. Porque non se establece esa conexión coa realidade circundante máis próxima, conclúen. «No meu pobo hai un montón de xente que eu identifico cos personaxes de Casa Manola. E entre os meus veciños vexo un montón de situacións cómicas exactamente iguais as da serie», di Chano. Incluso nos thrillers dramáticos como Serramoura esa identificación existe. «Ese lío entre irmáns é algo moi noso», lembra Cristina. «Esa proximidade é o que os fai más apegados a nós, o que lles da encanto. É o agroglamour», sentenza Carmen.

Series iankis

Se falamos da ficción norteamericana a cousa non varía moito entre os nosos seareiros. Só dous, Amaya e Chano, recoñécense seguidores de series ianquis como Big Band Theory, Orphan Black ou Como conocí a vuestra madre, máis próximas nalgúns casos ao concepto de comedia de situación que ao de serie propiamente dita. 

Non deixa de resultar curioso que ningún deles manifeste asomo de interese polas recentes e impoñentes referencias do xénero como House of Cards, Juego de tronos, Breaking Bad ou Mad Men. Nin unha alusión ao tema. Iso si, aclamación unánime ao feito de que Mareas vivas é a serie con maiúsculas, a nai de todas as series, onde todo comezou. Chano lembra que era moi cativo cando a botaron,  «pero téñoa enteira en deuvedé».

En calquera caso non deixaría de resultar un despropósito establecer paralelismos ou comparacións ao respecto. A gravación dun só capítulo de Juego de tronos supón uns oito millóns de dólares, un orzamento superior ao de todo o audiovisual galego durante un ano.

¿Quen compite contra iso? poderíase pensar. Pero si, en Galicia compítese. Argumental e artisticamente as series galegas están ao nivel do cine, aseguran dende a Academia Galega do Audiovisual. Iso quere dicir que hai unha certa madurez por parte da industria, engaden.

A mellor proba son eses miles de seguidores que cada semana teñen as series galegas. Fieis á butaca caseira. Porque esa é outra. O de paparse os capítulos online ou descargalos para velos en calquera outro momento é considerado polos fans un sacrilexio. Para Chano «o que conta é estar aí, diante da pantalla cada semana, xerando audiencia. Eu non considero fan dunha serie a alguén que non a vexa no día». No seu caso, entre cervexas e tacos, na compañía dun grupo de 15 amigos que se xuntan para ver as series e comentar a xogada. Mar, polo contrario, veas soa. «O meu marido queda a durmir. Durmiuse ata o día que saín eu en Land Rober... Mira a importancia que lle dá». A soidade de Amaya e de Cristina e máis relativa. Virtual. «Eu estou co móbil tuiteando todo o rato», conta a lucense.

E aí se atopa outra das claves fundamentais deste fenómeno. A interacción a través das redes sociais dos fans entre si e mesmo cos actores protagonistas das series é unha circunstancia crucial para entender a conexión do público máis novo con estes produtos. «Cando che contestan a algún comentario no Twitter sentes que dalgún xeito ti tamén formas un pouco parte da serie», confesa Amaya. «Eu chateo moito polo Facebook con Isabel Blanco. É simpatiquísima», engade Chano. E hai quen, como Carmen, incluso creou grupos no Whatsapp.

A actividade é frenética nas horas punta. Xusto antes e despois de cada emisión. Fanse mil e unha cábalas, desvélanse conxuros, repítense as bromas. O Facebook de Serramoura ten 5.500 fans. O de Matalobos supera os 7.000. Os seareiros crearon ademais grupos abertos coordinados e moderados por eles mesmos que nas principais series superan os 1.500 usuarios. Outro tanto acontece no Twitter. O de Serramoura, por exemplo, conta con más de 1.800 seguidores. 

Culto polo galego

Chegados a este punto cómpre facer a pregunta do millón. ¿Son os nosos seareiros devotos exclusivos das series ou tolean en conxunto polos produtos audiovisuais galegos?

A resposta é unánime e achégase máis ben ao segundo postulado. «Eu son seguidora ata dos programas do tempo» di Mar, a única dos cinco que asume a condición de frikifan

Outros formatos televisivos orientados cara o humor ou o ocio son tamén obxecto de culto para estes seareiros. E outro tanto acontece co cine. Os cinco pasaron este ano polo patio de butacas para disfrutar de A Esmorga.

Cousa distinta é o Luar. Tan só Carmen e Mar defenden o show de Gayoso. Os resto ri e cando se lles increpa ao respecto soltan un «a cona, Josito». Explicado queda.