Contra os abismos, resiliencia

Ramón Nicolás

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Vázquez Pintor, nun fragoso exercicio creativo, ofrece en «Antípodas» unha novela singular e altamente innovadora, arredor dun espazo territorial e dun neno da inclusa que gaña a complicidade de quen vai coñecendo como é 

03 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai propostas que, pola súa inmanencia, van máis alá dun encadramento canónico. Cuestionan, de seu, as fronteiras máis convencionais o que talvez sexa positivo pois contribúe á sempre necesaria vivificación do xénero narrativo.

Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, desde estas instancias amentadas onde a prosa se confunde coa linguaxe lírica e onde mesmo agroma unha evidente filiación parateatral, fai pensar primeiro no espazo territorial -Luneda, nome tamén dunha cadela que saltarica por estas páxinas- no que nos sitúa un protagonista chamado Plinio, un neno da inclusa que gaña a complicidade de quen vai coñecendo como é; e de Luneda, así pois, cómpre saír ou máis ben fuxir ao vivir Plinio instalado nun devezo recorrente que procura a supervivencia; mais tamén e ao mesmo tempo, xorde unha inequívoca lectura simbólica cifrada nese camiñar cara ao lugar máis distante e íntimo que pode haber dentro de un: velaí o labirinto, a espiral narrativa se se quer, que habilita asomarnos a terreos esvaradíos que choutan entre o real, o onírico e, por veces, o telúrico. Percorridos dispares artellados en función do feito de que a singradura relatada se nuclea arredor das necesidades da voz narradora e xamais do argumento. E neste último ámbito salienta, máis alá da presenza da ironía e mesmo do humor, unha reflexión consciente arredor da lingua de nós, da súa riqueza e do poder de resiliencia que atesoura «contra os abismos». É aí onde a oralidade xoga un papel non pequeno e respecto da que esta proposta erixe un recoñecemento palmario a través do seu emprego, gorentoso e, a todas luces, exemplar. Novela de orografía esixente mais, ao tempo, ben precisa.

Antípodas. Xosé Vázquez Pintor. Xerais. 248 páxinas. 16,65 euros